Skip to main content

O Concello de Ourense porá en marcha un proxecto de turismo intelixente que converterá a Ourense nun destino smart

O Pleno do Concello de Ourense aprobou -cos votos a favor do Goberno Municipal do PP, do Grupo Municipal Socialista e de Ourense en Común- a proposta para o convenio de colaboración entre a Entidade Pública Empresarial Red.es e o Concello de Ourense para o desenvolvemento do proxecto “Ourense: Capital Termal Intelixente”, un proxecto de tres millóns de euros que converterá a nosa cidade en referente nacional no uso das novas tecnoloxías en materia turística.

A aprobación de pleno era un trámite necesario para a posta en marcha deste proxecto que será financiado nun 60% por Red.es en un 40% polo Concello de Ourense e que, entre outros puntos, permitirá crear unha plataforma que ofreza información a turistas e a cidadáns así como aproveitar as novas tecnoloxías para impulsar a oferta pública e privada en materia turística.

“Con este proxecto Ourense será un modelo a nivel nacional no uso das novas tecnoloxías no ámbito turístico, facilitándolles a súa experiencia aos nosos visitantes con información en tempo real sobre oferta cultural, turística, termal ou mesmo do tempo a calquera persoa que visite a nosa cidade”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

O proxecto presentado polo Concello de Ourense foi o único dunha cidade galega seleccionado na última convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España.

“Ourense Capital Termal Intelixente é un proxecto para colocar a nosa cidade no club dos destinos turísticos conectados, sostibles e innovadores; e está chamado a ser importante elemento para a a creación de emprego e de negocios que nos permitirán converter a Ourense na cidade que todos desexamos”, destaca o concelleiro de Turismo, Jorge Pumar.

O programa conta con varios eixos de actuación. Destaca “Smart Termas, un proxecto piloto para converter nun “territorio intelixente” as termas de Outariz e do Muíño da Veiga. Ambas contarán con wifi e equipamentos tecnolóxicos que permitirán aos seus usuarios coñecer en tempo real a temperatura da auga, datos meteorolóxicos ou mesmo a suba da canle do río. Ademais, ambas instalacións contarán con farois para recargar móbiles.

Outras das propostas deste ambicioso programa consistirán na implantación dun sistema intelixente de iluminación entre os espazos termais da Chavasqueira e o aparcadoiro de Outariz (5 quilómetros), onde se intalarán 200 puntos de luz led, que suporá un aforro dun 30% da factura da luz neste tramo.

Crearase así mesmo un smart parking nas termas de Outariz e do Muíño e na zona centro da cidade, que axudará a atopar prazas libres nestas contornas.

O proxecto tamén contempla a implantación de novos elementos tecnolóxicos que permitan estreitar a comunicación entre os usuarios e o Concello, como será a instalación de 35 tótems (15 exteriores e 20 interiores).

Tamén a través dunha app multiplataforma faranse chegar datos sobre as termas, eventos que se celebran na cidade e información sobre ofertas de empresas de servizos, que poderán ser solicitadas online e mesmo ser valoradas.

“Ourense: Capital Termal Intelixente” suporá ademais unha modernización da Oficina Municipal de Turismo. Así, nos seus locais permitirase a posibilidade de recarga de móbiles, videowall, haberá tablets para o seu uso por parte dos usuarios, pantallas interactivas e realidade virtual.

Este proxecto solventa unha das necesidades máis demandadas polos veciños e turistas que visitan Ourense, como é a implantación dunha rede de 50 puntos de wifi en parques públicos e nas zonas más visitadas da nosa cidade. E tamén contempla a mellora integral da iluminación do paseo termal, instalando luminarias led, co fin de mellorar a visibilidade e seguridade dos milleiros de persoas que transitan a diario por esta zona.

Entre outra serie de melloras, porase en marcha unha tarxeta turística para facilitar o acceso a museos; pero que ademais ofrecerá descontos en materia de ocio e restaurantes, servizos dos que tamén poderán beneficiarse o resto de cidadáns.
Concello de Ourense