Skip to main content

Medio Ambiente ofrece máis de 150 actividades no marco do Programa de Educación Ambiental 2005

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, presentou en Lugo o Programa de Educación Ambiental 2005, unha novidosa publicación que recompila todas as actividades de divulgación e formación ambiental que organiza o seu departamento ao longo deste ano. A nova publicación será enviada a todos os concellos, centros de ensino, asociacións, organismos e organizacións galegas para que coñezan as iniciativas programadas e poidan participar nas mesmas. A tirada inicial será de 5.500 exemplares.

Xosé Manuel Barreiro salientou como novidade que este ano por primeira vez recompílanse todas as actividades de educación ambiental nun só documento, co obxectivo de facilitar ao máximo o acceso e consulta sobre a programación medioambiental ofertada pola Consellería.

O titular de Medio Ambiente quixo comentar tamén que todas as actividades promovidas teñen por finalidade impulsar unha maior conciencia medioambiental na sociedade galega. “Preténdense divulgar uns valores respectuosos co contorno, artellando así unha ferramenta común de traballo para acadar unha maior concienciación e compromiso de toda a cidadanía galega co medio ambiente”, apuntou.

FORMAR E DIVULGAR

O Programa de Educación Ambiental 2005 inclúe diferentes actividades. Por unha banda están as iniciativas de carácter formativo, que inclúe cursos para os sectores de produción (como a hostalería ou a construción) e outros cursos para o profesorado (tanto de primaria como de secundaria e ensino non universitario), onde abordarán, por exemplo, os usos e aproveitamentos do bosque, os espazos naturais e biodiversidade ou os fundamentos da climatoloxía e meteoroloxía.

As actividades de formación inclúen tamén a posta en marcha de diversas xornadas para todos os sectores sociais (sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro ou a rede galega de Axenda 21 Local), así como a realización dun curso sobre desenvolvemento sostible dirixido aos funcionarios públicos.

Por outra banda, o programa recolle a realización de actividades divulgativas, encamiñadas á participación de toda a sociedade en xeral. Trátase de conferencias, obradoiros, xogos de simulación, exposicións e visitas organizadas ás aulas da natureza. As temáticas que se abordan van dende a xestión do lixo e as regras do consumo intelixente ata o coñecemento dos cogomelos e as normas ambientais galegas. Estas actuacións poden ser solicitadas á Consellería por concellos, centros de ensino, asociacións, organizacións ou calquera outro tipo de colectivos interesados. O prazo de solicitudes está aberto ata o vindeiro 15 de abril.

A Consellería de Medio Ambiente pon en marcha ademais outro tipo de iniciativas divulgativas, como por exemplo, o “bus ambiental” que un ano máis percorrerá as vilas galegas, ou tamén os cursos para universitarios en colaboración coa USC e a ciberaula, unha exposición itinerante e interactiva sobre temáticas do contorno de Galicia.

COLABORADORES

O Programa de Educación Ambiental 2005 recolle tamén diferentes actividades divulgativas que se poñen en marcha dende as Delegacións Provinciais da Consellería. Trátase dos itinerarios organizados dentro do programa Vive ao Natural, unha iniciativa para achegar os valores dos espazos naturais galegos a toda á poboación e aos escolares. Na provincia de Lugo, todos os interesados poden coñecer a riqueza natural das zonas de especial protección Ancares-Courel e Parga-Ladra-Támoga. As delegacións organizan tamén obradoiros ambientais, visitas ás aulas da natureza, exposicións, plantacións colectivas ou charlas en espazos.

A cidadanía pode tamén achegarse ata o Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán -dependente da Consellería- para participar en diferentes iniciativas de educación ambiental, dende visitas guiadas ás instalacións ata cursos e exposicións.

O departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro colabora ademais co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) na realizacións de exposicións, seminarios e cursos, entre outros, sobre fotografía da natureza, interpretación do patrimonio ou o deseño de itinerarios.

OUTRA INFORMACIÓN

A nova publicación incorpora ao final outro tipo de información adicional. Sinala todas as convocatorias da Consellería de Medio Ambiente para o fomento da cultura ambiental entre a cidadanía galega: a orde de axudas á educación ambiental, os premios Galicia-Medio Ambiente ou o concurso da Liga de Recollida de Pilas.

Todas as persoas que consulten o Programa de Educación Ambiental 2005 poderán ademais coñecer todas as datas conmemorativas do medio ambiente, así como os lugares de Internet de interese.

PARTICIPACIÓN EN 2004

O Programa de Educación Ambiental 2005 presentado hoxe vén a continuar, un ano máis, coa iniciativa de Medio Ambiente de achegar a toda a poboación os valores de conservación e respecto cara o contorno natural. No ano 2004, nas actividades de formación e divulgación medioambiental organizadas pola Consellería participaron 27.313 persoas. Na provincia de Lugo realizáronse 93 actividades en 54 concellos, rexistrándose a participación de 3.213 persoas.

Un total de 228 concellos de toda Galicia participaron nas iniciativas co principal obxectivo de promover a cultura ambiental e facer unha chamada ao debate e á reflexión sobre a conservación do contorno natural.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia