Skip to main content

52,7 millóns de euros en distintas axudas de rehabilitación e acceso á vivenda en 2019

Entre xaneiro e febreiro publicaranse no Diario Oficial de Galicia seis liñas de axudas diferentes, que se completarán con outras dez convocatorias previstas ao longo do primeiro semestre de 2019.

Rehabilitación

Concretamente, as axudas destinadas a actuacións de rehabilitación terán reservado un montante total de 26,9 millóns de euros, ademais das actuacións que executará de forma directa o IGVS na adquisición e rehabilitación de vivendas a través do programa Rexurbe e as actuacións en vivendas de promoción pública da súa propiedade.

No mes de febreiro de 2019 publicaranse no DOG catro convocatorias. Dúas delas son axudas dirixidas a particulares e comunidades, e as outras dúas a concellos.

Cómpre salientar que, como novidade, se modifica o importe máximo das axudas correspondentes ao programa Rehaluga, que pasa de 4.000 a 8.000 euros por vivenda. Estas axudas van dirixidas a sufragar os gastos de adecuación de inmobles incluídos no Programa de Vivendas Baleiras.

Posteriormente, realizaranse as convocatorias destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios en materia de eficiencia enerxética, conservación, mellora da seguridade e accesibilidade, dirixidas a propietarios e comunidades, así como as axudas das áreas de rehabilitación integral (ARI), o Fondo de Cooperación cos concellos e as axudas destinadas ás comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública.

Acceso á vivenda

As axudas para acceso a vivenda van destinadas a facilitar o pago da mesma en réxime de alugueiro por parte das familias con menos ingresos; apoiar o acceso dos máis novos a unha vivenda en propiedade; e fomentar a promoción de vivendas para alugueiro e as destinadas a persoas maiores. En total, destinaranse a este tipo de axudas 25,8 millóns.

Así, en xaneiro publicaranse as axudas do Bono de Alugueiro Social e tamén as de adquisición de vivenda.

No que respecta ao Bono de Alugueiro Social, a convocatoria de 2019 inclúe como principais novidades:Increméntase o importe mensual do bono en 25 euros respecto á anterior, pasando a 225, 200 ou 175 euros ao mes segundo a zona xeográfica.

- Increméntase tamén o prezo máximo das vivendas alugadas en 50 euros, pasando a 450, 400 e 350 euros ao mes, en función da zona na que se atopen.
- Inclúense as prórrogas extraordinarias, de maneira que a duración máxima pasa de tres a seis anos.
- Inclúese un novo colectivo entre os beneficiarios do bono: residentes en vivendas de Sareb e entidades financeiras en virtude dos convenios asinados co IGVS.

Posteriormente, publicarase a convocatoria de axudas para o pago do alugueiro de vivendas destinadas a particulares; as de fomento de vivendas para alugueiro; e unha terceira de vivendas para persoas maiores e discapacitados, destinadas a promotores públicos e privados.

Por último, cómpre lembrar que ao importe de todos estes programas de axudas dirixidos a particulares, comunidades de propietarios, concellos e promotores públicos e privados, sumaranse tamén as actuacións directas que realizará en 2019 o Instituto Galego da Vivenda a Solo, tanto en materia de rehabilitación (a través do programa Rexurbe, de proxectos de rehabilitación de vivendas da súa propiedade adxudicadas en réxime de alugueiro, ou achegas ao Consorcio do Casco Vello de Vigo) como de acceso a vivenda (pola vía da construción de novas vivendas de promoción pública).
Instituto Galego da Vivenda a Solo