Skip to main content

Xustiza, Deputación e Concello asinan un convenio de colaboración para a construcción do edificio do Parque Comarcal de Bombeiros de Santiago

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, o presidente da Deputación Provincial de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron un convenio de colaboración que servirá para desenvolver o convenio marco asinado no seu día polas tres institucións para a comarcalización do servizo prestado polo Parque Municipal de Bombeiros de Santiago de Compostela. O obxectivo deste novo convenio é a construcción do edificio que albergará o Parque Comarcal de Bombeiros.

Tras a sinatura do convenio, o conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou, destacou a colaboración interadministrativa das tres institucións asinantes que “está permitindo, no caso da provincia de A Coruña, que se desenvolva un Plan que vai a dotar a toda a provincia de Parques de Bombeiros que darán unha cobertura razoable a toda a poboación”. Segundo sinalou o conselleiro “o Plan estase implantando en toda a Comunidade pero é na provincia de A Coruña onde está máis adiantado, precisamente porque hai entendimento e porque as tres administracións estamos na mesma liña e facendo os esforzos necesarios”.

Xesús Palmou lembrou que, cando no ano 1996 as Deputacións, os concellos e a Xunta de Galicia decidiron poñer en marcha este Plan, “Galicia era unha das Comunidades Autónomas de España que tiña peor cobertura do servizo de extinción de incendios urbáns e hoxe xa estamos por encima da media”. O conselleiro de Xustiza afirmou ademais que “cando se remate o Plan, dentro de dous anos, estaremos situados no nivel das Comunidades Autónomas mellor dotadas nestes servizos”.

SANTIAGO

O orzamento máximo previsto para a construcción do Parque Comarcal de Bombeiros de Santiago será de 2.229.590,98 euros, dos que o 40% será aportado pola Consellería de Xustiza, outro 40% pola Deputación Provincial de A Coruña e o restante 20% polo concello de Santiago de Compostela, que será ademais o encargado de achegar o solo necesario e licitará a construcción da obra.

Coa sinatura deste convenio, e unha vez que xa están en servizo os vehículos contraincendios mercados para o Parque, culmínase a primeira comarcalización dun Parque Municipal de Bombeiros en Galicia que supuxo un investimento total de case catro millóns de euros. A comarcalización dos Parques de Bombeiros das grandes cidades, xunto coa construcción de novos parques de bombeiros que presten servizo de xeito comarcalizado (dos que doce xa están en funcionamento), constitúen as liñas principais de actuación do Plan Galego de Parques Contraincendios e Salvamento deseñado pola Consellería de Xustiza, en colaboración coas Deputacións Provinciais e concellos, co obxectivo de dar a mellor cobertura posible á poboación galega contra este tipo de emerxencias.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia