Skip to main content

A nova convocatoria do programa Galicia Inviste impulsará a competitividade de 140 pemes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación dunha nova convocatoria do programa Galicia Inviste que se publicará mañá no DOG e achegará financiamento para impulsar os proxectos innovadores de 140 pemes. A súa dotación será de 9 millóns de euros e prevé mobilizar preto de 40 millóns, engadiu.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que se poderán acoller ás axudas as pequenas e medianas empresas que conten con plans empresariais que oscilen entre os 50.000 e os 2 millóns de euros e que pertenzan a algún dos seguintes sectores: industrias extractivas; industria manufactureira; tratamento e eliminación de residuos; reparación de vehículos de motor e motocicletas; depósito, almacenamento e manipulación de mercadorías; hoteis e aloxamentos similares; información e comunicacións; e servizos técnicos ou outros servizos de apoio a industria. Ademais, nesta edición incluirase un novo suposto, dixo, tamén proxectos de carácter innovador, debidamente acreditados pola Gain, de calquera sector, excepto os excluídos pola regulamentación comunitaria.

De igual xeito, explicou que os investimentos subvencionables serán a obra civil, a compra de edificacións ou construcións, os bens de equipo, outros investimentos en activos fixos materiais, os activos inmateriais e as reformas en bens inmobles arrendados.

Ademais, no caso de que as empresas se implanten nun dos Concellos Emprendedores cos que conta Galicia, destacou, poderá subvencionarse ata o 10% do gasto total subvencionable dos investimentos en terreos edificados e non edificados.

Sobre este punto, subliñou que os apoios poderán chegar a cubrir no caso das pequenas empresas ata o 30% do investimento subvencionable, e no caso das medianas empresas ata o 20% da dita cantidade. A valoración farase en base ao tamaño da empresa, ao mantemento do emprego ou o compromiso de creación de postos de traballo de carácter indefinido.

O presidente da Xunta destacou que por primeira vez se inclúe un incentivo á contratación de persoas con discapacidade.

Ao longo da súa intervención o presidente da Xunta tamén fixo balance da última convocatoria do Galicia Inviste resolta que, tal e como indicou, supuxo a aprobación de 143 proxectos, que recibiron axudas que mobilizaron 45,5 millóns de euros.
Programa Galicia Inviste