Skip to main content

Nace o 'Obradoiro de Novela Cidade da Cultura' para descubrir novos talentos da literatura galega

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, destacou o obxectivo que comparten neste proxecto a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Rolling Words, nun eido tan relevante para o sector cultural galego como é o da literatura. “Queremos ser quen de captar e exportar autores e autoras emerxentes, xerando unha comunidade dinámica onde os referentes compartan o seu coñecemento cos talentos aínda por descubrir”, afirmou.
Na rolda de prensa de presentación participou tamén a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo. Por parte da organización do obradoiro estiveron presentes a directora de Rolling Words, Lourdes Díaz, e os escritores Javier Peña, Xabier Quiroga, Miguel Anxo Fernández e Arantza Portabales, que deron conta dos motivos para poñer en marcha esta iniciativa.

O abaratamento dos custos de impresión, as plataformas de auto-edición, a accesibilidade das ferramentas en liña e a promoción en redes sociais son algúns dos factores que teñen influído na actual proliferación de escritores a nivel global. “Hoxe en día o difícil non é xa publicar, senón destacar na maraña de publicacións, e a formación especializada axuda a dar o salto ao profesionalismo”, segundo explicou Lourdes Díaz.

Porén, a diferenza doutras comunidades como Madrid, Zaragoza, Valencia ou Barcelona, “en Galicia existe un certo baleiro en escolas de escritura creativa, especialmente naquelas dirixidas a persoas adultas”, asegurou Javier Peña. As iniciativas neste campo adoitan ser puntuais e impulsadas por asociacións, pequenas editoriais e librerías.

O Obradoiro de Novela Cidade da Cultura de Galicia aspira a encher este oco. O curso está deseñado non só para que os participantes aprendan a manexar os recursos da escrita, senón tamén a moverse no sector. Accederán así a contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, poderán tamén ingresar na nómina de autores e autoras representados por Rolling Words.

Aprender da man de quen escribe

Autores cunha traxectoria recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia forman parte do profesorado do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 7 de xuño na Biblioteca e Arquivo de Galicia do Gaiás. Ademais de Javier Peña, Xabier Quiroga, Miguel Anxo Fernández e Arantza Portabales, participan no curso os escritores Manuel Gago, Antón Riveiro Coello e Diego Giráldez. A experiencia desde o mundo da edición virá da man de Lourdes Díaz e do consultor editorial Siscu Pérez. Todos eles serán os encargados de fornecer os aspirantes a novelistas das ferramentas e recursos necesarios para levar adiante os seus propios proxectos literarios.

Ao longo de 9 sesións teóricas, os escritores e escritoras compartirán os seus coñecementos sobre o estilo, os xéneros narrativos, a creación de personaxes ou a estrutura e tempos da novela. O obradoiro contará tamén con especialistas do mundo editorial, que ofrecerán as claves para adentrarse no mercado literario. Os participantes deberán logo demostrar o que aprenderon dando forma á súa propia novela ou polo menos as cincuenta primeiras páxinas. Estes traballos serán postos en común na última sesión do curso.

Nesta primeira edición, o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura contará cun total de 20 prazas, que serán asignadas por orde de matrícula. As inscricións xa están abertas a través de www.ataquilla.com.

A programación de actividades que fan fincapé na formación e no intercambio de experiencias, como este obradoiro literario ou o xa consolidado Encontro de Artistas Novos no eido das artes plásticas, confirman o Gaiás como un espazo multidisciplinar e aglutinador, propicio para a interacción cultural.
Cidade da Cultura de Galicia