Skip to main content

A Xunta destina máis de 1.730.000 euros ós plans de Porto de Campelo, Pontevedra, Lourizán e Raxó

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, desplazouse a Campelo para asinar os Plans de Porto correspondentes ás confrarías de pescadores de
Pontevedra, Lourizán e Raxó. López Veiga asinou cos seus patróns maiores, Manuel Casas Urbiena, Ramón García Bermúdez e Ramón Portela Carballa, os protocolos de investimentos a través dos cales a Xunta emprenderá diversas actuacións coas que se facilitará o traballo dos mariñeiros e se ofrecerán maiores servizos. Ademais, o conselleiro de Pesca rubricou un cuarto Plan de Porto, o correspondente á Lonxa de Campelo, que está xestionada conxuntamente polos tres pósitos. A Consellería de Pesca ten previsto investir nestes portos un orzamento total superior a 1.730.000 euros.

A lonxa de Campelo disporá dun catamarán para limpar os barcos marisqueiros e os fondos mariños.-

O principal investimento do Plan de Porto de Campelo é a dotación dun barco catamarán para limpar os barcos marisqueiros e fondos mariños. Pesca destinará máis de 377.000 euros á adquisición desta embarcación de 15 metros de eslora e dous motores cunha potencia de 350 C.V. O catamarán adicarase primordialmente á limpeza das praias e dos cantís nas mareas altas e pleamares. Tamén para a limpeza das praias, o Plan contempla a compra de dous tractores por valor de máis de 102.000 euros. Deste xeito, as tarefas de arado e aireación do substrato serán máis eficaces, polo que se aumentará a fixación do marisco na area.

A instalación dunha fábrica de xeo conta cun presuposto de 165.000 euros. Terá unha capacidade de producir alomenos 1.000 quilos ó día de xeo e contará con silo de almacenamento, sistema de descarga e báscula de pesaxe, polo que os mariñeiros beneficiaranse dun suministro permanente e completamente automático. Ademais, a Xunta instalará unha cámara frigorífica dentro da actual lonxa. A cámara contará cunha capacidade de 9,5 metros cúbicos para preservar os productos do mar nas mellores condicións.

Un carro de varada sumerxible facilitará a varada das embarcacións que faenan en Pontevedra, Lourizán e Raxó.-

A Consellería de Pesca facilitará a varada das 142 embarcacións que faenan en Pontevedra, Lourizán e Raxó a través da posta en funcionamento dun innovador carro de varada sumerxible. Este “sublift” autopropulsado, que pode descender ó mar e erguer a porto embarcacións de ata 12 toneladas, ten un coste estimado de máis de 94.890 euros.

Por último, o Plan de Porto de Campelo prevé a instalación dun laboratorio de bioloxía mariña para o control de producción e da calidade da pesca. Máis de 34.000 euros serán destinadas a esta instalación, necesaria para controlar a evolución da producción de marisco. Todas as actuacións contempladas neste Plan de Porto alcanzan un investimento total que supera os 719.000 €.

A Xunta investirá 300.000 euros nunha nave para almacenar material no pósito de Pontevedra.-

O Plan de Porto da Confraría de Pontevedra ten un presuposto de máis de 501.700 euros. A construcción dunha nave para o pósito é unha das principais iniciativas deste protocolo. Conta cun investimento de 300.000 euros e será destinada ó almacenamento de material. O Plan prevé que se contrúa no novo parque industrial do Concello de Poio sobre unha
superficie de 500 metros cadrados.

Co fin de aumentar a vixilanza sobre os bancos marisqueiros da zona, o Plan contempla a adquisición dunha embarcación de poliéster de 6,8 metros de eslora e 240 cabalos de potencia. O presuposto desta embarcación para a loita contra o marisqueo ilegal supera os 70.000 euros.

Instalarase un guindastre con capacidade para varar embarcacións de ata 10 toneladas. Deste xeito os armadores locais xa non terán que desplazarse a outros portos para a revisión das súas embarcacións. O Plan de Porto de Pontevedra inclúe tamén a construcción de tres casetas nas zonas de control das praias marisqueiras. Estas infraestructuras, que acadan un coste superior ós 33.000 euros, estarán dotadas de vestiarios e aseos, o que mellorará notablemente as condicións laborais das
mariscadoras.

Por outra banda, a Consellería de Pesca ten previsto adquirir un vehículo todoterreo e outro isotérmico; este último necesario para asegurar a continuidade na cadea de frío dos productos pesqueiros. Ademais, está prevista a adquisición de dúas máquinas portátiles destinadas ó control de tamaños e pesaxe dos bivalvos a pé de praia.

A construcción dun posto de control no estaleiro de Placeres mellorará as condicións laborais das mariscadoras.-

O Plan de Porto de Lourizán presenta un orzamento inicial superior ós 310.000 euros. A maior partida orzamentaria está destinada á construcción dun posto de control dos bancos marisqueiros no estaleiro de Placeres, que terá unha dimensión aproximada de 150 metros cadrados. Trátase de mellorar as condicións laborais das mariscadoras, xa que actualmente non dispoñen de ningunha infraestructura que as resgarde das inclemencias do tempo para realizar este tipo de tarefas.

A Xunta tamén ten previsto reformar o edificio da confraría de Lourizán, para o que se investirán preto de 100.000 euros. Ademais, dotarase ó porto dun vehículo isotermo con capacidade para almacenar ata 600 quilos de mercancía. Coa adquisición desta furgoneta asegúrase que os productos pesqueiros se conserven en perfecto estado durante o seu transporte.

Finalmente, o plan contempla a compra dunha embarcación auxiliar, coa que se efecturá o traslado dos moluscos e se facilitará as labores de semente das ameixas. O Goberno galego ten previsto destinar a estas dúas actuacions algo máis de 27.000 euros.

Raxó disporá dunha batea de cultivo coa que se aumentará a producción marisqueira do pósito.-

Máis de 201.000 euros é o presuposto inicial estimado para o Plan de Porto da Confraría de Raxó. A instalación dunha batea de cultivo é a principal actuación, cun investimento previsto superior ós 67.000 €. A batea será empregada principalmente para o preengorde de ameixa fina e babosa que logo será sementada polos mariscadores nos diferentes bancos, despois da súa aclimatación ó medio na batea. Por outra banda, esta batea tamén poderá ser utilizada no cultivo integral de ostras planas en cestas ou cordas. Deste xeito aumentarase a producción marisqueira, principal motor económico do pósito.

As mariscadoras tamén se poderán beneficiar da instalación de casetas nos postos de control dos bancos marisqueiros de Combarro, Chancelas e Laño. Estas instalacións, de 24 metros cadrados, facilitarán o traballo de control e permitirán ás mulleres resgadarse das inclemencias do tempo.

No referido ás infraestructuras portuarias, o Plan de Porto de Raxó prevé a instalación dunha grúa no porto de Raxó e a construción dun almacén en Combarro. A grúa fixa será utilizada para varar embarcacións de ata 10 toneladas dun xeito máis eficaz que ata agora. Conta cun presuposto inicial de 45.000 euros e tamén será empregada para descargar os aparellos dos barcos de cerco. No porto de Combarro a Xunta financiará a construcción dunha nave para gardar as ferramentas de traballo dos mariscadores. A nave contará con 40 metros cadrados e un investimento de 20.000 euros. Por último, Pesca dotará a este porto cunha carretilla elevadora para a descarga de mercancías e aparellos de Pesca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia