Skip to main content

A Unidade Mixta de Investigación Navantia-UDC avanza no desenvolvemento do buque intelixente

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá o demostrador do proxecto Sistema de Servizos Integrados (SSI) ou Buque sen cables, desenvolto no marco da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Estaleiro do Futuro, na que participaron a empresa Navantia e a Universidade da Coruña, co apoio da Xunta, entre os anos 2015 e 2018 e que agora comeza a súa etapa de consolidación ata 2021.

Á demostración deste sistema, que permitirá reducir o volume de cables nun buque, ao mesmo tempo que permitirá incorporar as tecnoloxías 4.0, asistiron tamén o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, así como representantes de Navantia e das universidades da Coruña e da de Vigo, que tamén colabora co proxecto. O sistema é compatible co xa instalado nas fragatas F-100 e previsiblemente tamén se implementará nas novas fragatas F-110 da Armada Española, sempre que o permitan os resultados tecnolóxicos e temporais.

O Sistema de Servizos Integrados (SSI), como así se chama este proxecto, permite concentrar e integrar os sistemas distribuídos de datos e comunicacións dun buque nunha soa infraestrutura, reducindo o volume de cableado e o seu custo de instalación asociado, coa posibilidade de incorporar funcionalidades asociadas ao concepto ‘buque intelixente’. De feito, o sistema incorpora 7 das 13 tecnoloxías habilitadoras do 4.0: a impresión 3D, a Internet das Cousas, o Big Data, a ciberseguridade, as tecnoloxías da nube, o backbone dixital e a realidade aumentada.

As vantaxes deste sistema son, na parte eléctrica, a redución de pesos e prazos de instalación, flexibilidade e capacidade de crecemento moi superior aos deseños actuais. Asemade, supón un aforro de cableado de arredor do 20%, unha redución da potencia eléctrica do alumeado en arredor do 50% e dá soporte ao Estaleiro 4.0 no tocante á conectividade in-situ, ademais de despregar funcionalidades adicionais no ámbito dos sistemas de control e comunicacións, dando un paso máis cara o Buque 4.0.

Continuidade a través da consolidación da Unidade Mixta

Os traballos previos realizados no marco da Unidade Mixta, como o desenvolvemento do demostrador do sistema piloto, que permite avaliar a viabilidade da súa implantación final no buque, continuarán na fase de consolidación da Unidade Mixta Estaleiro do Futuro cos traballos de industrialización: desenvolvemento dos prototipos de pre-fabricación, que se agarda estean dispoñibles no segundo semestre de 2019, a fabricación das primeiras unidades operativas no primeiro trimestre de 2020 e a certificación destas unidades no segundo semestre de 2020.

A Unidade Mixta Estaleiro do futuro contou cun orzamento total de preto de 5 millóns de euros, entre as fases de creación e consolidación, e cunha axuda pública de preto de 1,5 millóns de euros ata 2021. As Unidades Mixtas de Investigación son agrupacións de grandes empresas e centros de coñecemento que colaboran para impulsar a I+D+i en sectores estratéxicos para Galicia. Desde que se iniciou este programa, a Xunta leva apoiadas 39 unidades mixtas -31 de nova creación e 8 de consolidación-, a través das que se están mobilizando 114 millóns de euros e se crearon ou consolidaron 580 empregos cualificados.
Universidade da Coruña