Skip to main content

O prazo de inscrición para participar na sexta edición da aceleradora ViaGalicia ábrese hoxe ata o próximo 1 de abril

Tamén se valorarán aqueles que teñan capacidade de achegar valor engadido ao tecido empresarial galego, de dinamizar os sectores estratéxicos e de consolidarse no mercado. O comité para a selección dos proxectos tamén terá en conta as aptitudes do equipo e o seu potencial para atraer investimentos, entre outros.

O orzamento que se destinará á sexta edición de ViaGalicia alcanza os dous millóns de euros para poder prestar aos emprendedores seleccionados formación, mentoring, tutorización e espazos de coworking e, ademais, financiamento para aquelas startups que cheguen á fase de aceleración.

Unha vez que remate o período de presentación dos proxectos, levarase a cabo unha primeira escolla dun máximo de 80 proxectos entre as dúas sedes de ViaGalicia (Vigo e Lugo) que poderán participar na Startup Day. Nesta xornada avaliaranse as habilidades dos emprendedores para seleccionar ata 40 proxectos (20 por sede) para a súa pre-aceleración durante a fase de Academia que durará sete semanas. Neste período os participantes recibirán formación sobre as ferramentas e coñecementos necesarios para mellorar o seu modelo de negocio e a comunicación da súa proposta de valor.

Posteriormente, na Demo Day, os emprendedores seleccionados defenderán o seu proxecto ante o Comité Técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras, que escollerán ata un máximo de 15 plans e que serán os que pasen á fase de Aceleración que terá unha duración de seis meses e terá lugar no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle, en Nigrán. Os seleccionados, co apoio dun experto, un equipo de titores e mentores, prepararán a presentación das súas iniciativas empresariais en futuras roldas de investimento. A sexta edición de ViaGalicia rematará coa celebración do Investors Day, unha xornada na que defenderán os seus proxectos ante as empresas, colaboradores e fondos de investimento.

A aceleradora ViaGalicia púxose en marcha en 2013 e desde entón contou cun investimento de 8 millóns de euros que permitiu o impulso de máis de 160 proxectos. En total, formalizáronse 68 empresas xerando 340 novos empregos.
ViaGalicia