Skip to main content

Miras Portugal visita á colectividade do Centro Galego de Londres

O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal desprazouse ata a capital do Reino Unido, onde tivo ocasión de manter un encontro coa directiva do Centro Galego de Londres, durante a cal se puxo en coñecemento do titular de Emigración as iniciativas proxectadas para este 2005 pola entidade.

Doutra banda, o presidente do Centro, Nicolás Miño, guiou ó conselleiro na visita á nova sé social da entidade que para o seu acondicionamento contou co apoio da Xunta de Galicia a través dos Programas Axudas para obras de rehabilitación de instalacións de centros e das Axudas para mellora de dotación e equipamento, ademais da colaboración de tódolos socios.

O conselleiro de Emigración falou deste Centro coma “unha entidade cunha vida moi activa e de grande influencia na comunidade”. Asimesmo, sobresaíu o esforzo do Centro Galego no seu afán de captación de novos socios e de recuperación- de aí, apuntaba o conselleiro, “o seu empeño en dispor dun novo local no que levar a cabo o grande número de actividades que ofertan” . Unha actitude que segundo Miras “é reflexo da vontade que existe por parte da entidade en proxectarse cara o futuro, contando coa acción voluntaria de mozos que contan cunha excelente formación e que teñen moito que aportar á galeguidade”.

NOVA SÉ ABERTA Ó FUTURO

Precisamente será no novo local visitado por Miras onde se celebre a videoconferencia prevista para a inauguración do portal da emigración GaliciaAberta e que constituirá un novo espacio de interrelación entre as comunidades galegas. Ademais o Centro Gallego de Londres foi dos primeiros en ter aloxada a súa propia páxina web no portal da Consellería de Emigración, o cal deixa constancia da importancia que a súa directiva
outorga desde sempre ás actividades xuvenís e de difusión e promoción da cultura e tradicións galegas.

EMIGRACIÓN GALEGA Ó REINO UNIDO
Segundo os datos publicados polo CERA- Censo de Españoles Residentes Ausentes- en xaneiro de 2005 no Reino Unido residen 10.704 galegos o que representa un 12,41% do total de galegos incritos no referido censo para toda Europa- en total 86.213 galegos, sen ter en conta ós non inscritos no censo electoral e ós descendentes de galegos-.

A emigración ó Reino Unido abarca fundamentalmente o período comprendido entre 1961-1975, sendo este un fenómeno marcadamente feminino. Nestes anos dos galegos emigrados a Gran Bretaña un 45,60% corresponde a homes, mentres que un 54,40% eran mulleres.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia