Skip to main content

90 dos 93 concellos da Coruña realizan os procesos de licitación e contratación de xeito íntegramente electrónico

Este gran avance, que sitúa á provincia da Coruña como unha das primeiras de España en adaptarse á nova lexislación, ten lugar en gran medida grazas ao soporte técnico e xurídico que dende a Deputación se vén prestando aos municipios da nosa provincia dende a entrada en vigor da Lei, en marzo de 2018.

Así o anunciou hoxe o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que deu a coñecer os primeiros resultados do Plan de Implantación da Licitación Electrónica (PIL) que puxo en marcha a Deputación hai un ano “para dar resposta aos retos que supuña para os concellos coruñeses – principalmente os máis pequenos, con menores recursos técnicos, humanos e económicos- a posta en marcha da nova lexislación estatal en materia de contratación pública”.

González Formoso destacou o traballo conxunto desenvolvido polos servizos provinciais de Infomática e Administración Electrónica e Contratación para “prestar aos concellos o soporte e asesoramento integral, tanto no plano técnico coma no xurídico, para adaptarse á nova Lei de Contratos e conseguir que, en menos de un ano, a práctica totalidade dos concellos coruñeses estean tramitando as contratacións de xeito 100% electrónico, situando a esta provincia nun nivel punteiro a nivel estatal”.

Máis de 1.000 licitacións electrónicas por importe de 155 millóns

Segundo os datos ofrecidos polo presidente da institución provincial, tras recibir máis de 1.104 consultas, a Deputación da Coruña ofreceu ata o día de hoxe aisitencia técnica e xurídica aos concellos na tramitación de 1.007 expedientes de licitación electrónica, por un importe total de 155 millóns de euros.

A Deputación colaborou tamén na implantación da Lei de Contratos poñendo a disposición dos concellos os novos pregos tipo e a fórmula de valoración das ofertas económicas, adaptada á nova lexislación e elaborada en colaboración coa Universidade de Santiago.

Ademáis, a Deputación formou durante este ano a 270 funcionarios de 88 concellos para a posta en marcha dos procesos de licitación electrónica. Unha iniciativa que continuará en 2019 coa posta en marcha do programa PEL-Concello Dixital, destinado a acelerar a transformación dixital dos pequenos concellos da provincia coa contratación dun equipo de expertos que darán soporte in situ, formarán ao persoal municipal e acelerarán a implantación da e-administración nos 82 municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes.

PEL-Concello Dixital suporá un investimento de 693.000 euros para implantar unha administración 100% dixital nos concellos coruñeses en 2019.
Deputación da Coruña