Skip to main content

A innovación tecnolóxica marcará o desenvolvemento da pesca e dos cultivos mariños nos vindeiros 15 anos

O futuro da industria pesqueira está vencellado á incorporación das tecnoloxías aplicadas tanto ao tratamento e manipulado do peixe, como á industria transformadora, á acuicultura mariña e á observación e control do medio co obxectivo de preservalo.

Así o poñen de manifesto os resultados dos catro estudos elaborados pola Fundación Observatorio de Prospectiva Tecnológica Industrial (OPTI) dependente do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, que contaron co finanzamento da Xunta de Galicia (a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio) e do Goberno de Canarias, e que foron presentados en Vigo nun acto no que estiveron presentes os conselleiros de Innovación e de Pesca, Juan Rodríguez Yuste e Enrique López Veiga respectivamente. No acto interviron tamén o Director Xeral da Fundación OPTI, Jesús Rodríguez Cortezo, o Director do Instituto Canario de Ciencias Marinas, Octavio Llinás González e o Director Xerente de CETMAR, Amancio Landín Jaraiz.

En concreto, estes traballos de prospectiva abordan os avances que se producirán nos vindeiros quince anos en catro ámbitos relacionados coas tecnoloxías do mar: as tecnoloxías da observación e control do medio mariño; a industria transformadora dos produtos do mar; a acuicultura mariña e as tecnoloxías da pesca. Os catro estudos foron realizados pola Fundación OPTI, o primeiro deles, sobre tecnoloxías da observación e control do medio mariño, en colaboración co Instituto Canario de Ciencias Mariñas, e os tres restantes en colaboración con CETMAR. Os estudos completos están disponíbeis, de forma gratuíta, na web www.opti.org.

TRATAMENTO DO PEIXE E SEGURIDADE MARÍTIMA

O primeiro dos estudos desvela os retos tecnolóxicos aos que deberá facer fronte a industria pesqueira española para ser competitiva no horizonte do 2015. As tendencias tecnolóxicas que marcarán o desenvolvemento da pesca nos próximos quince anos falan de que se implantarán en todo tipo de flotas pesqueiras tecnoloxías completamente automatizadas que permitirán que o peixe chegue a porto clasificado, eviscerado e, se procede, fileteado ou empaquetado. A realización destas labores a bordo facilitará que o peixe chegue ao mercado en mellores condicións de frescura e conservación. Por outro lado, utilizaránse kits de diagnóstico rápido, biosensores e multisensores que permitirán a detección de toxinas, contaminantes, etc.

Se ben a actividade pesqueira ten pouco peso no marco da economía española, si é moi importante para algunha comunidade autónoma como Galicia, que acapara o 54,5 por cento da producción española. No ano 2003 a flota española estaba formada por 14.379 buques. No que respecta ao emprego no sector en España, experimentou un descenso paulatino o número de tripulantes, non entanto xurdiron novos postos de traballo na acuicultura, a transformación, a distribución e a comercialización.

Un dos principais problemas do sector pesqueiro na actualidade son os descartes –capturas que despois de ser pescadas se devolven ao mar por diversos motivos-. Os descartes constitúen por riba do 20 por cento da produción mundial, por iso cómpre no futuro minimizar esta práctica e, neste senso, prevese a utilización de sistemas que permitan identificar as especies antes da súa captura, a mellora nas técnicas das artes que permitirán a selección das capturas e diminuirán o impacto ambiental e desenvolveránse novos equipos acústicos que proporcionarán información que permita facer unha pesca máis selectiva.

Respecto aos avances tecnolóxicos orientados á mellora das condicións de habitabilidade do barco e á redución do número de accidentes –na década dos 90, o 90 por cento dos accidentes laborais con baixa no sector marítimo corresponderon a traballos de pesca- o estudo identifica as seguintes melloras: introduciránse sistemas de automatización do manexo das artes baixo cuberta a fin de reducir o risco de accidentes, diminuirá a necesidade de tripulacións numerosas debido ao aumento da automatización; as flotas disporán de tecnoloxías da información e das comunicacións que permitirán transmitir a terra todo tipo de información e resolver problemas de tipo técnico (telemantemento) ou sanitario (telemedicina) sen necesidade de desprazarse a porto; implantaránse sistemas de lonxas online que lle permitirán ao barco decidir acerca do porto de destino; a tripulación poderá recibir formación nos seus ratos mortos (teleformación) e desenvolveránse ferramentas que, en función das condicións meteorolóxicas e de carga que se lles proporcionen, darán unha resposta respecto ao tipo de maniobra a realizar e emitirán un sinal cando as condicións de estabilidade do barco sexan comprometidas.

PRESERVACIÓN DO MEDIO MARIÑO

A conciencia unánime de que o medio mariño é un recurso imprescindible do noso planeta que debemos preservar mellorando a xestión e uso dos mares e océanos pon de manifesto a necesidade de focalizar os esforzos de investigación en catro grandes áreas: o desenvolvemento de novos sensores que permitan realizar medicións autónomas de múltiples variables (biolóxica, xeofísica, química, oceanográfica); sistemas de medida e modelos de simulación que permitan medir un gran número de variables e xestionar dita información en tempo real; tecnoloxías de observación e control do impacto ambiental que permitan minimizar e monitorizar o impacto das actividades humanas sobre o medio mariño (acuicultura, transporte marítimo, pesca, etc), así como actuar en caso de verquidos de substancias perigosas, e sistemas de xestión da información sobre o medio ambiente mariño que, mediante homologación de formatos e creación de redes internacionais, integren datos procedentes de diferentes fontes. Este estudo foi presentado por Ana Morato da Fundación OPTI e realizado en colaboración co Instituto Canario de Ciencias Marinas.

Faise imprescindible contar cun sistema eficaz de observación mundial debido a que unha proporción significativa da actividade económica mundial, ademáis dunha ampla gama de servizos e bens sociais dependen do uso racional do medio mariño. Por outro lado, agárdase que no ano 2020 o 75 por cento da poboación mundial viva dentro dos primeiros 60 km que bordean as costas dos mares e sistemas estuarios. España, malia ser un país cunha ubicación xeográfica estratéxica e unha gran franxa costeira, non lle concedeu un soporte significativo ao sector das tecnoloxías do medio mariño a nivel de desenvolvemento tecnolóxico. Non obstante, existe un importante potencial investigador e a participación de grupos de investigación españois en proxectos relacionados coas tecnoloxías da observación do medio mariño é cada vez maior.

A INDUSTRIA TRANSFORMADORA

A necesidade de aumentar a vida útil dos produtos transformados da pesca será un factor clave no desenvolvemento futuro do sector, por este motivo será común o emprego de diferentes técnicas de conservación que premitan obter produtos máis duradeiros que conserven as súas cualidades organolépticas e nutricionais asegurando a salubridade. Así mesmo, xeneralizaráse o uso de tecnoloxías como atmósferas modificadas, bioconservación e envase activo que permitirán ampliar a gama de produtos refrixerados aumentando a súa vida útil. Por outro lado, o aumento do número de pratos preparados a partir de peixe incrementará substancialmente a utilización da cocción ao baleiro como método de procesado e conservación.

Avanzaráse tamén no campo da trazabilidade e da seguridade alimentaria, dous temas fundamentais para o consumidor e para a industria agroalimentaria, a través de sistemas de transmisión de datos que fagan posible o intercambio de información sobre o produto e a súa trazabilidade; sistemas integrados e automatizados de control de procesos que aseguren a calidade do produto final; imprantación de nova maquinaria na industria transformadora da pesca que consiga un maior aproveitamento e rapidez á hora de procesar a materia prima; a utilización de novos sistemas de enfriamento desprazará aos sistemas tradicionais e desenvolveránse máquinas integrais que incorporarán as accións de fileteado, desespiñado e transformación do peixe reducindo as perdas de produto a menos dun 0,1% do filete.

Respecto a avances no campo do envasado, o estudo sinala que nun futuro desenvolveránse novos envases para os produtos do mar a fin de satisfacer as necesidades do consumidor, como envases abre-facil, reciclables, multiusos, etc. En relación ao consumidor final, xeneralizaráse o consumo e a comercialización de produtos fileteados e troceados que substituirá o consumo de peixe enteiro, produciráse o desenvolvemento dunha ampla gama de novos produtos procedentes do mar e dirixidos a grupos de poboación específicos.

Actualmente, en España hai 140 empresas de conserva de peixe das que 71 están ubicadas en Galicia. Esta industria compónse principalmente de empresas pequenas cunha plantilla de 20 ou menos traballadores. Entre os produtos pesqueiros elaborados atópanse preparados e conservas de peixe, crustáceos e moluscos, así como produtos frescos, refrixerados, conxelados, afumados ou secos e as técnicas máis empregadas son a conserva e o conxelado.

AVANCES TECNOLÓXICOS EN ACUICULTURA MARIÑA

A optimización dos sistemas de alimentación e engorde das especies son factores clave no sector da acuicultura en España. Neste senso, avanzaráse no desenvolvemento de dietas e patróns alimenticios que mellorarán a produción, reduciráse o uso de fariñas e aceites de peixe nos piensos e substiuiráse parcialmente por alternativas de orixe vexetal, aplicaránse novas tecnoloxías de preengorde de semente de moluscos e pasaráse a unha explotación máis industrial dos moluscos.

Traballaráse ademáis na prevención e cura de enfermidades infecciosas das especies acuicultivadas, que actualmente causan perdas significativas no sector, avanzaráse tamén nas tecnoloxías de produción de especies, no desenvolvemento de novos equipamentos e artefactos para diferentes sistemas e fases de produción acuicola, no uso da xenética e a biotecnoloxía na selección xenética de peixes e no control de calidade.

Galicia ocupa o primeiro lugar no ranking de produción acuicola española con 254.891 toneladas (datos correspondentes a 2003). A produción española deste mesmo ano situouse nas 280.000 toneladas, ocupando o 14 lugar no ranking mundial de produtores acuícolas e o 25 por cento do volume da produción europea. Nos últimos anos, a acuicultura española pasou de ser un sector marcadamente tradicional a unha industria moderna altamente tecnificada, con empresas competitivas no mercado mundial. Ademáis, conta con numerosos centros de I+D centrados neste sector, polo que a capacidade investigadora é grande malia que a aplicación industrial dos novos desenvolvementos por empresas españolas é aínda baixa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia