Skip to main content

A USC desenvolve con cinco empresas biotecnolóxicas galegas solucións para a verificación da sustentabilidade no sector téxtil

Neste acto participaron representantes das cinco empresas biotech implicadas, ademais dos investigadores ou coordinadores dos tres grupos da USC que colaboran nesta nova iniciativa de I+D+i a prol da sustentabilidade.

Os socios promotores do proxecto QC4SusTex traballan a prol do desenvolvemento de solucións globais eficaces e comercializables para resolver demandas específicas de control de calidade no ámbito da moda, un “sector que en Galicia xera un volume de negocio de máis de 20.000 millóns de euros, pero que é moi dinámico e cada vez está máis deslocalizado”, segundo indicou o CEO de AMSlab, Manuel Lolo, quen tamén indicou que cada vez son máis ás empresas téxtiles, tanto galegas, como nacionais e internacionais, que sitúan a sustentabilidade no epicentro da súa estratexia de negocio.


QC4SusTex busca dar resposta e achegar ferramentas ás empresas téxtiles, que, sabedoras do impacto ambiental que depara a súa actividade, exploran métodos de fabricación máis respectuosos co medio ambiente que requiren tamén do desenvolvemento de novas tecnoloxías que posibiliten controlar e acreditar os procesos sustentables de produción.


A redución de recursos e residuos é unha necesidade en todos os procesos de produción, sinala Manuel Lolo, para quen o desenvolvemento de proxectos de I+D+i orientados ao desenvolvemento de tecnoloxías orientadas á verificación da sustentabilidade antóllase como “unha cuestión de vital importancia para a industria téxtil, unha industria moi potente en Galicia e referente mundial que precisa deste tipo de mecanismos”, dixo.


O acto de presentación do proxecto QC4SusTex, un programa que recibe financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de Fondos Europeos para o Desenvolvemento Rexional (Feder) e que tamén conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria que dirixe Francisco Conde, congregou na Facultade de Ciencias do campus de Lugo a representantes de todas as entidades, investigadores e empresas implicadas.


O CEO de AMSlab, Manuel Lolo, foi o encargado de guiar un acto, “co que tamén queremos darlle visibilidade á Facultade de Ciencias e ao campus de Lugo neste momento no que se está a debater sobre o futuro mapa de titulacións universitarias en Galicia”, dixo. Na sesión tamén participaron a CEO de Organistry, Ángeles Conde; o CEO de MestreLab Research, Santiago Domínguez; o técnico en desenvolvemento de prototipos en 2xMil, Jesús Martínez; a responsable de veterinaria de Xenotechs, Soraya Lolo; Manuel Mucientes, investigador principal do Citius; Carlos González, responsable de proxectos de sustentabilidade do equipo do Ciqus que lidera Javier Sardina, e o profesor na Facultade de Ciencias e investigador principal do grupo Qual da USC, Carlos Herrero.
Universidade de Santiago de Compostela