Skip to main content

Escolares galegos debaten esta semana no Gaiás ao redor dos valores da obra de Castelao 'A derradeira leición do mestre'

A derradeira leición do mestre clausúrase este domingo, 3 de marzo, e xa está preto —a estas alturas— de alcanzar as 40.000 visitas, das cales unhas 8.000 foron de rapaces e rapazas de centros escolares.


Precisamente, máis dun cento de alumnado proveniente do último ciclo da ESO e do Bacharelato serán os protagonistas das seis quendas que compoñen este ciclo de debates escolares, que se celebra desde hoxe e ata o venres. A presenza da obra lendaria A derradeira leición do mestre na exposición Castelao maxistral, na Cidade da Cultura de Galicia, resulta do máis axeitada para transmitirlle nesta actividade a importancia da educación para a construción de sociedades libres, unha das principais loitas do artista e intelectual galeguista ao que se lle dedica esta exposición.

Chegado da Arxentina, este cadro emblemático que nunca antes se tiña exhibido en Galicia, procura no relato expositivo de Castelao maxistral ser unha imaxe icónica contra a intolerancia, sendo a educación a mellor ferramenta para ensinar en valores, liberdade e xustiza.

Con este fío condutor, desde a Cidade da Cultura de Galicia quérese pór a mocidade en relación con xornalistas, que no seu labor profesional cotián analizan a actualidade. O obxecto deste ciclo é establecer un diálogo coas xeracións de mozas e mozos vencellando os logros educativos exaltados na exposición —que pon en valor a tarefa dos mestres e das mestras da Segunda República na renovación pedagóxica, e na consecución dun ensino universal e en galego— e o vínculo co sistema educativo actual como ferramenta.

En cada unha das seis quendas de debate promoverase un foro de discusión dialéctica no que dúas aulas diferentes poidan poñer en común as súas ideas sobre a sociedade actual e o peso da educación para a súa construción. Cada xornada está moderada por un/unha xornalista diferente. Deste xeito, serán un total de seis, provenientes dos principais medios galegos de comunicación escrita. Así, a primeira profesional en abrir este ciclo hoxe é Irene Bascoy (Faro de Vigo) que moderou a disputa dialéctica entre centros escolares do CPI Cabo de Area (Laxe) e IES de Beade (Vigo) sobre os valores que lles transmite A derradeira leición do mestre.

Mañá mércores será a quenda de Marta García Márquez (El Ideal Gallego), ao que lle seguirán Ángel Orgaz (El Correo Gallego), Tamara Montero (La Voz de Galicia), Xabier Limia (La Región) e María Varela (Diario de Pontevedra), como peche do ciclo este venres, día 1.

Concerto de despedida da Orquestra de Cámara Galega

Precisamente, ese mesmo día, o 1 de marzo, terá lugar o concerto de despedida da exposición —que poderá verse ata o domingo 3 de marzo e que conta con visitas comentadas de balde— a cargo da Orquestra de Cámara Galega. O acceso será de balde previa retirada do convite na recepción do Museo Centro Gaiás.

O programa do concerto incluirá composicións vinculadas á Castelao como Na Catedral, movemento da obra musical Alba de Gloria composta por Rogelio Groba Groba inspirándose no histórico discurso do intelectual de Rianxo no exilio. Ademais, interpretaranse pezas de compositores galegos, como Andrés Gaos, ou de arxentinos, como Astor Piazolla.
Cidade da Cultura de Galicia