Skip to main content

Medio Ambiente denuncia o vertido de hidrocarburos detectado o pasado mércores

A Consellería de Medio Ambiente remitiu ao fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, e ao director general da Marina Mercante do Ministerio de Fomento, Felipe Martínez, senllas cartas denunciando o vertido de hidrocarburo detectado o pasado día 30 nas costas galegas. Na comunicación ao Tribunal Superior de Xustiza, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza demanda as accións xudiciais ou penais pertinentes para castigar ao responsable deste delicto.

O departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro denuncia que esta nova agresión ao litoral galego afecta aos espazos naturais protexidos Complexo Intermareal Umia-O Grove, Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e á Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “Costa da Morte”.

Medio Ambiente informa tamén do dispositivo organizado desde o mesmo día 30 pola Consellería para vixiar a costa, cun operativo que está a percorrer o litoral que vai desde o Baixo Miño ata a Costa da Morte, con especial insistencia nos espazos protexidos. Os axentes continuarán durante a fin de semana realizando labores de vixilancia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia