Skip to main content

A cidadanía galega valora cun notable os servizos sanitarios de atención primaria

En canto a satisfacción xeral co sistema sanitario público, a media de Galicia é de 6,43 sobre 10. E o 70,20% considera que os Sistema sanitario funciona ben ou bastante ben (a media do SNS é do 68,30%).

Os datos do Barómetro tamén reflicten que a poboación de Galicia dálle un 7,60 sobre 10 aos coidados e a atención recibida polos médicos de atención primaria, e un 7,61 ao persoal de enfermería deste nivel asistencial. Tamén é de destacar a alta valoración que recibe o tempo que o médico de primaria lle dedica a cada enfermo, que acada unha puntuación de 7,32 sobre 10 (7,23 na media do conxunto do SNS). Un 7,49% valora o coñecemento do historial e o seguimento dos problemas de saúde de cada usuario. Mentres que as Urxencias dos centros de saúde de atención primaria reciben unha valoración de 6,61.

O 67% dos pacientes que pediron unha cita en atención primaria afirman que foron atendidos o mesmo día ou no día seguinte, fronte o 47% da media nacional, segundo reflicten os datos.

Cómpre subliñar que as persoas que acudiron a un centro de atención primaria do Sergas manifestan nun 88,10% dos casos, unha valoración moi positiva (boa o moi boa) na atención recibida.

Atención hospitalaria

Os ingresos e a asistencia sanitaria en hospitais públicos do Sergas son valorados cunha puntuación de 6,95 sobre 10 (similar á da media nacional), destacando aspectos como os coidados e atención do persoal médico (7,96, lixeiramente superior a da media nacional), do persoal de enfermería, que recibe 8 puntos sobre 10 (a media do SNS sitúase en 7,89) e o equipamento e medios tecnolóxicos. A valoración sobre a información recibida neste nivel asistencial tamén sube ata 7,59 puntos sobre 10.

Tamén é moi ben valorada pola poboación enquisada a información recibida sobre a evolución do problema de saúde por parte do persoal dos hospitais e un 23,20% considera que a hospitalización mellorou.

No que atinxe a atención recibida nas consultas do especialista da sanidade pública, o 82,10% considera que foi boa ou moi boa e un 6,89% valoran como moi positivo o tempo dedicado polo médico especialista.

Subliñar que preto do 89% dos pacientes de Galicia manifestan ter recibido unha boa o moi boa atención en hospitalización, segundo se desprende dos datos do Barómetro Sanitario.

Cómpre destacar igualmente, a boa valoración que as galegas e os galegos lle dan ao funcionamento das Urxencias do 061, que acaban 7,49 puntos sobre 10 (7,28 na media nacional). No tocante ás Urxencias hospitalarias a valoración é de 6,03 puntos e o 16,70% considera que estas melloraron.

Preferencia pola sanidade pública

Os datos do Barómetro tamén constatan que se os cidadáns galegos enquisados puidesen elixir entre un servizo sanitario público ou privado, maiormente optarían por centros públicos para seren atendidos nas distintas modalidades asistenciais, e o fan con porcentaxes significativamente superiores á media estatal do Sistema Nacional de Saúde. Así, o 75,2% elixirían un centro público de atención primaria, fronte a un 68,2% da media do SNS. No caso das consultas de especialista elixirían un centro público o 59,5% (a media do Estado e do 56%).

No que atinxe aos ingresos hospitalarios, o 78,4% dos galegos acudiría a un hospital público, fronte o 67% da media do SNS. E, no caso das Urxencias, estas porcentaxes son do 76,1% en Galicia e do 64,4% no total nacional.
Ministerio de Sanidad