Skip to main content

O Gaiás dinamiza 'Valor e mestría' cunha programación que revivirá partidos épicos ou xuntará futbolistas da elite con escolares

As actividades —para as que se conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, La Liga Santander, a Secretaría Xeral de Igualdade, Futsal e Viaqua— arrancan o vindeiro mércores, día 6, cunha mesa redonda sobre fútbol feminino, contado polas súas protagonistas e que está vencellada ás celebracións do ‘Día Internacional da Muller’, que se conmemora o 8 de marzo.

A moderadora é Cristina López Villar, doutora e mestra da Universidade da Coruña e que tamén colabora no catálogo da exposición ‘Valor e mestría. Galicia como fútbol’. Como intervenientes estarán Lis Franco, estrela do equipo feminino Karbo; e Nuria Rábano, extremo do Deportivo e finalista coa Selección Española, tamén no Mundial Sub-20.

Ademais, vencelladas con esta exposición, a Cidade da Cultura organiza durante semana do ‘Día Internacional da Muller’ visitas comentadas á exposición ‘Valor e mestría’, centradas especificamente no papel da muller neste deporte, que tivo como pioneiras a principios do século pasado a famosa porteira Irene e ao equipo Estradense, de Viveiro. Xa en 1981 a formación coruñesa Karbo, foi a primeira en ser campioa de Liga feminina en España; e, na actualidade, contamos como referente do fútbol internacional feminino a galega Verónica ‘Vero’ Boquete. Esta compostelá foi a primeira española en erguer unha Copa da Champions League Feminina.

Fútbol como ferramenta de superación

A seguinte actividade será en abril cunha mesa redonda sobre o valor do fútbol como ferramenta de inclusión social e de superación persoal, onde se achegarán experiencias destacables e persoais. Para iso, contarase coa participación do clubs galegos que forman parte actualmente de La Liga Genuine Santander. Esta Liga é unha experiencia pioneira no mundo, e está organizada por La Liga Santander, a través da súa Fundación, e está formada por equipos de persoas con discapacidade intelectual.

Será durante o mes de maio será cando se celebren encontros de escolares de fútbol base con futbolistas da elite. Trátase de xuntar alumnado de centros educativos cun futbolista profesional en horario escolar. O formato será de 3 futbolistas diferentes en 3 días. Contarase para esta actividade coa participación dunha ou dun xornalista deportivo que centrará a conversa no deporte ao longo da vida desde as categorías inferiores, desafíos no deportista adolescente, e as adaptacións ás novas culturas, ás novas realidades e cidades que viven no seu periplo como xogadores.

Homenaxe aos clubs pioneiros de Galicia

‘Valor e mestría’ tamén se verá dinamizada por unha homenaxe no mes de xuño aos clubs pioneiros en Galicia. Para isto, levarase a cabo unha actividade con representantes de todos estes equipos, que incluirá unha mesa redonda —moderada por un dos comisarios da exposición, Rubén Ventureira— e proxección de imaxes históricas destas formacións.

En agosto, organizaranse na Cidade da Cultura encontros con seareiros e seareiras — provenientes de peñas de equipos galegos— con ex futbolistas profesionais e que son referentes históricos para estas asociacións de afeccionados. Deste xeito, celebraranse na exposición visitas temáticas facendo fincapé na historia de cada equipo e nos obxectos presentes en ‘Valor e mestría’ relacionadas cos mesmos.

Revivir partidos épicos cos seus protagonistas

Na Cidade da Cultura de Galicia tamén se revivirán fazañas e épicas futbolísticas gloriosas de clubs ao retransmitir partidos históricos como o Dépor-Valencia de 1995 ou Celta-Benfica de 1999, comentados por parte dos seus protagonistas.

Trátase de ver o partido íntegro, para que as e os afeccionados poidan revivilo, pero co gran valor engadido que suporá que os comentarios que se escoitarán mentres se ven as imaxes serán dalgúns dos xogadores que viviron ese momento tan importante para a historia do seu club.

O programa de actividades completarase con xornadas de xornalismo deportivo, nas que se intentará contar cos máximos referentes en comunicación de deportiva; con visitas á exposición ‘Valor e mestría’ por parte da primeira plantilla dos clubs de fútbol galego; xunto a outras accións que están a ser xestionadas e pechadas neste momento.
Cidade da Cultura de Galicia