Skip to main content

Barreiro sitúa a Mostra de Muimenta como referente para o sector agropecuario

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, inaugurou no concello lucense de Cospeito a XXI Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). Segundo destacou Barreiro, esta feira “é xa un referente socieconómico desta comarca, especialmente para o eido empresarial do mundo agropecuario”.

O titular de Medio Ambiente lembrou que o agropecuario é un dos sectores máis destacados dentro da estrutura económica da Terra Cha e de Lugo. Así, apuntou como dato significativo as máis de 19.000 explotacións gandeiras existentes na provincia, cunha cabana bovina de máis de 290.000 vacas, e o importante proceso de especialización e profesionalización que vive o campo lucense.

Nesta liña, Xosé Manuel Barreiro fixo referenza ao esforzo realizado desde a Xunta de Galicia a prol do progreso económico e social da comarca da Terra Cha. “É un compromiso cunha sociedade emprendedora e forte como a chairega”, salientou Barreiro, quen lembrou o papel protagonista que tivo o presidente da Xunta, Manuel Fraga, como orixinario desta comarca neste importante proceso de modernización.

FEIRA SINGULAR

O conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño, xunto co que visitou as instalacións e os expositores participantes nesta vixésimo primeira edición da mostra. No decurso do acto de inauguración Barreiro apuntou como claves do éxito da feira a súa multisectorialidade e as actividades complementarias que acolle, co que se acadan grandes cotas de afluencia e participación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia