Skip to main content

O experto internacional en ciberseguridade, David Finn, inicia unha serie de relatorios tecnolóxicos da Amtega

Finn, un dos máximos expertos internacionais en materia de ciberseguridade, chegou a Galicia da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade da Coruña. Con esta xornada, a Amtega inicia unha serie de charlas de expertos a nivel mundial en distintos ámbitos tecnolóxicos co obxectivo de fomentar a reflexión, achegar o debate á rúa e analizar os retos da sociedade actual.

Sobre David Finn

David Finn é doutor en dereito pola Universidade de Harvard e experto en ciberseguridade, foi fiscal federal na cidade de Nova York e estivo traballando durante 16 anos dirixindo equipos de loita contra o cibercrime en Microsoft. Actualmente, é director executivo de CleanApps.org, unha organización que promove desenvolvemento responsable de apps, así como a privacidade e seguridade dos consumidores.

O 21 de marzo na Coruña

O programa de David Finn en Galicia complétase con outro seminario sobre ciberseguridade, de carácter máis técnico, que se celebrará na Coruña o día 21 de marzo, de 18:30 a 19:45 horas , baixo o titulo “A new approach to cleaning up the internet: and what cybersecurity companies, developers, and non-profit institutions must do to make it happen”. Este seminario está organizado polo Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) xunto ca Cátedra R en Ciberseguridade UDC-UVigo, a Cátedra "Luis Fernández Somoza" para a internacionalización dos estudos de economía e empresa da UDC e a Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O seminario terá lugar na Facultade de Economía e Empresa, Campus de Elviña, A Coruña e terá prioridade para asistir o alumnado de doutoramento e dos mestrados de Innovación e Administración de Empresas, así como empresas e especialistas en ciberseguridade.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor chave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia