Skip to main content

Arrinca Startups R Dico Challenge con cinco proxectos empresariais que aplican os contidos dixitais a diferentes ámbitos

A aceleradora de contidos dixitais Startups R Dico Challenge, impulsada polo operador galego e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ponse en marcha cos cinco proxectos selecccionados polo comité evaluador do programa (2 representantes de R e 2 da Amtega, coa colaboración e asesoramento da CRTVG, que mentorizará un dos retos).

Os cinco finalistas

En resposta ao reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, o proxecto elixido foi Futboleando.Gol, de M International. O piloto, ‘mentorizado’ por Diego Rodríguez Devesa, responsable de contidos televisivos de R, propón un servizo de retransmisión automatizada en diferido de partidos de fútbol basee, integrado coa plataforma de distribución de contidos de R e do grupo Euskaltel.

Na contorna do reto 2, aplicacións para Android TV, foi seleccionado o proxecto Brain Games TV, promovido por Cuicui Studios e ‘mentorizado’ por Antonio Rato, responsable de televisión na área de Innovación de R e do grupo Euskaltel. A proposta é desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos de Brain Training adaptados ao formato televisivo, integrada na plataforma de R.

Para o reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, escolleuse o proxecto de Adiviña Producións, FVR- Fila de Realidade virtual. ‘Mentorizado’ por Leticia Sánchez, directora de Televisión do grupo Euskaltel, FVR contempla o desenvolvemento dun servizo viable de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180ª.

No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, o comité evaluador decidiuse pola proposta de Mario Pérez, Visualización Big Data, que ‘mentoriza’ Esther Medina, Xefa do servizo de Innovación na contorna dixital da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de recolección e análise masivo de datos orientado á mellora da programación televisiva.

Finalmente, no apartado de reto aberto escolleuse FaceIDNN, promovido polo centro tecnolóxico Gradiant e ‘mentorizado’ por José Cadavid, responsable de Plataforma e Big Data do grupo Euskaltel. Neste caso, a idea é desenvolver un piloto dun sistema de retención/fidelización (onboarding) de novos clientes utilizando tecnoloxías de recoñecemento facial que eviten a suplantación de identidade (anti-spoofing) para confirmar automaticamente a identificación dos usuarios.

Aceleración

Os elixidos terán á súa disposición os seus respectivos mentores e poderán optar á axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento das propostas. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar á beira do operador galego durante este tempo.

Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Quen desenvolva o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

Esta primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances conseguidos. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.

Plan Dico Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.
R