Skip to main content

Manuel Fraga reitera ao Goberno central a oferta de colaboración para executar o Plan Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, salientou que coa primeira pedra do porto exterior de A Coruña se inician unhas obras “cruciais” para Galicia, España e para a fachada atlántica europea, e constitúen así mesmo, un exemplo “palpable” de que é posible desenvolver entre Estado e a Xunta o Plan Galicia. No acto tamén estiveron presentes o vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; os titulares das Consellerías da Presidencia, Pesca, e Sanidade; a ministra de de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernánez Moreda; e os alcaldes da Coruña e Arteixo, Francisco Vázquez e Manuel Pose Miñones, respectivamente, entre outras autoridades.

O mandatario galego aproveitou a ocasión para reiterar ao Goberno central o ofrecemento da colaboración máxima da Xunta de Galicia para o desenvolvemento deste Plan; un desexo do que fixo partícipe á ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, “para que xuntos empecemos todo o resto das infraestruturas”. Ao mesmo tempo pediulle que lle trasladase ao presidente do Goberno de España “estas sinceras palabras e esta actitude de colaboración na execución do Plan Galicia nos prazos pactados por tódolos grupos nas Cortes Xerais e no Parlamento de Galicia”.

O novo porto exterior de A Coruña suporá a creación duns 15.000 novos postos de traballo e o aumento do 27% do tráfico portuario en 2010. A Administración investirá preto dos 500 millóns de euros na construción desta infraestrutura que se converterá “nunha referencia na historia portuaria de Galicia”.

Ademais, por cada millón de euros de valor engadido da industria da construción, indúcese unha actividade adicional nos sectores subministradores e complementarios de 1,5 millóns de euros, segundo salientou o titular do Goberno galego. Neste sentido, salientou que “os investimentos en infraestruturas deste tipo estimulan a produtividade global do país”, xa que “un aumento do 1% neste capítulo supón un crecemento do 0,23% na produtividade do sector privado”.

“Colocamos –sinalou Manuel Fraga- a primeira pedra dun porto de 3.400 metros de lonxitude, con capacidade de atraque simultáneo de catro petroleiros, cunha cota de cimentación de ata menos 40 metros, con 258 hectáreas de auga abrigada, con 91 hectáreas de superficie terrestre xerada, con 850 metros de anchura de bocana, e cun calado de 26 metros”.

PORTO DE CANELIÑAS

Esta “extraordinaria actuación” únese á do porto exterior de Caneliñas, en Ferrol, onde se levan investidos máis de 106 millóns de euros. Esta infraestrutura xa ten comprometida a súa superficie en base a solicitudes de empresarios e consignatarios e “onde cremos que debemos aproveitar o desfase actual entre a terminación dos accesos e do porto, e iniciar xa unha ampliación”, indicou Manuel Fraga.

“Temos que culminar a dotación –engadiu- de infraestruturas fundamentais para o porto de Caneliñas, o que, sen dúbida, xerará creación de emprego nunha comarca que está a ser duramente afectada pola reconversión naval”.

PLAN GALICIA

Segundo salientou o presidente da Xunta, o porto comezado constitúe “un expoñente do Plan Galicia”, co que os Executivos central e autonómico “convertemos un lamentable accidente marítimo nunha gran oportunidade para o noso progreso e benestar”.

“O Plan Galicia é o instrumento que nos porá na cabeza da Europa das infraestruturas”, apuntou Manuel Fraga tras subliñar que se trata dunha grande oportunidade “para o noso progreso e benestar” e que “non perderemos se nos mantemos unidos en aquelas cousas que son fundamentais para o noso porvir”. “Os cidadáns –engadiu- non nos perdoarían non atopar os fondos europeos que outros portos xa teñen concedidos, e aos que a Xunta de Galicia felicita”.

O titular do Goberno galego lembrou que o Plan Galicia engloba este porto exterior, 11 novas autovías completas, os AVEs do Atlántico, Transcantábrico e de conexión coa Meseta, actuacións en 26 portos de titularidade da Xunta de Galicia e a creación de 30 millóns de metros cadrados de solo industrial para a instalación de novas empresas.

“En total –engadiu Manuel Fraga-, 14.122 millóns de euros, achegados polo Goberno central e a Xunta de Galicia, que permitirían a creación de 35.000 empregos e o crecemento do PIB do 2,7%, de 1992 ao 3,5% entre 2004 e 2009”.


INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NO COMEZO DAS OBRAS DO PORTO EXTERIOR DE A CORUÑA

- “O investimento que se inicia rolda os 500 millóns de euros, é dicir 83.000 millóns das antigas pesetas. Antes, o Consello de Ministros, celebrado no Concello de A Coruña no mes de xaneiro de de 2003, acordou darlle un pulo definitivo coa creación dunha Comisión para o estudo da viabilidade técnica e económico-financeira do proxecto”.

- O porto exterior de A Coruña suporá a “creación duns 15.000 novos postos de traballo, aumento do 27% do tráfico portuario no horizonte do 2010; (e) por cada millón de euros de valor engadido da industria da construción, se induce unha actividade adicional nos sectores subministradores e complementarios de 1,5 millóns”.

- “Os investimentos en infraestruturas deste tipo estimulan a produtividade global do país. Un aumento do 1% neste capítulo supón un crecemento do 0,23% na produtividade do sector privado”.

- “O 50% dos investimentos públicos en construción retornan ao erario público, por aumento das recadacións impositoras e menores prestacións por desemprego”.

- “Hoxe colocamos a primeira pedra dun porto de 3.400 metros de lonxitude, con capacidade de atraque simultáneo de catro petroleiros, cunha cota de cimentación de ata menos 40 metros, con 258 hectáreas de auga abrigada, con 91 hectáreas de superficie terrestre xerada, con 850 metros de anchura de bocana, e cun calado de 26 metros. Sen dúbida, toda unha referencia na historia portuaria de Galicia”.

- “A esta extraordinaria actuación, únese a do porto exterior de Caneliñas, en Ferrol, onde se levan investidos máis de 106 millóns de euros, preto de 18.000 millóns das desaparecidas pesetas”.

- “Un porto onde a súa superficie está xa comprometida en base a solicitudes de empresarios e consignatarios e onde cremos que debemos aproveitar o desfase actual entre a terminación dos acceso e do porto, e iniciar xa unha ampliación”.

- “Temos que culminar a dotación de infraestruturas fundamentais para o porto de Caneliñas, o que, sen dúbida, xerará creación de emprego nunha comarca que está a ser duramente afectada pola reconversión naval”.

- “Este porto que hoxe comeza é un expoñente do Plan Galicia. Con ese plan, convertemos un lamentable accidente marítimo nunha gran oportunidade para o noso progreso e benestar. E esa oportunidade non a perderemos se nos mantemos unidos en aquelas cousas que son fundamentais para o noso porvir. Os cidadáns non nos perdoarían non atopar os fondos europeos que outros portos xa teñen concedidos, e aos que a Xunta de Galicia felicita”.

- “O Plan Galicia é o instrumento que nos porá na división de honra da Europa das rexións. O Plan Galicia é este porto exterior, 11 novas autovías completas, os AVEs do Atlántico, Transcantábrico e de conexión coa Meseta, actuacións en 26 portos de titularidade da Xunta de Galicia e 30 millóns de metros cadrados de solo industrial para a instalación de novas empresas. En total, 14.122 millóns de euros, achegados polo Goberno central e a Xunta de Galicia, que permitirían a creación de 35.000 empregos e o crecemento do PIB do 2,7%, de 1992 ao 3,5% entre 2004 e 2009”.

- “Señoras e señores, permítanme que lles reitere a miña satisfacción polo inicio destas obras cruciais para Galicia, para España, e para a fachada atlántica europea, e demostración palpable de que é posible desenvolver xuntos (Estado e Xunta de Galicia) o Plan Galicia”.

- “Reitero a colaboración máxima co Goberno do Estado, querida ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, para que xuntos empecemos todo o resto das infraestruturas. Trasládelle ao señor presidente do Goberno de España estas sinceras palabras e esta actitude de colaboración na execución do Plan Galicia nos prazos pactados por tódolos grupos nas Cortes Xerais e no Parlamento de Galicia”.

- FICHA TÉCNICA:

- Lonxitude: 3.400 metros.
- Atraque de petroleiros: 4
- Superficie de auga abrigada: 258 Ha.
- Superficie terrestre xerada: 91 Ha.
- Anchura da bocana: 850 m.
- Calado medio da bocana: 26 m.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia