Skip to main content

Os galegos utilizan cada vez máis Internet para pedir cita co seu médico de cabeceira. A páxina web do Sergas rexistrou un aumento das peticións dun 145% ao pasar das 44.171 de 2003 ás 107.902 do pasado ano

Os galegos utilizan cada vez máis Internet para pedir cita co seu médico de cabeceira. Así, a páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) rexistrou un aumento dun 145% no número de peticións realizadas, que pasaron das 44.171 de 2003 ás 107.902 do pasado ano 2004. Ademais hai que subliñar que, no presente ano 2005, as cifras dos dous primeiros meses, en que as peticiones realizadas polos cidadáns para pedir cita co médico do seu centro de saúde suman xa 30.615, auguran que este importante incremento porcentual pode ser aínda maior neste ano.

Ademais das peticións de cita para o médico os galegos tamén fixeron, ao longo de 2004, a través dos servizos que ofrece a páxina do departamento que dirixe José Manuel González Álvarez, outro tipo de operacións administrativas. Neste senso, 382 cidadáns da nosa Comunidade realizaron, a través desta ferramenta informática, cambio do seu médico de cabeceira, 311 cambio de enderezo, 48 deron conta de cambios nos seus datos persoais, 118 solicitaron nova tarxeta por pérdida ou extravio da anterior, etc.

En relación ás máis de 107.000 citas previas solicitadas no 2004 polos galegos para ir ao médico do seu centro de saúde correspondente hai que subliñar que os meses nos que máis se fixeron peticións foron novembro con 12.773, decembro con 11.591 e outubro con 10.396. Os de menos foron agosto con 5.737, xullo con 7.824 e abril con 8.290. Comparando estes datos co 2003, naquel ano os meses de máis peticións foran decembro con 6.180 e novembro con 5.492 e os de menos agosto con 2.482 e xullo con 2.654.

Desglosada a cifra total por provincias, das máis de 107.000 citas pedidas ao longo de 2004, 42.528 foron na provincia da Coruña, 8.559 na de Lugo, 10.069 na de Ourense e 46.746 na de Pontevedra.

ACTUALIZACIÓN PERMANENTE DE CONTIDOS

A través da páxina web da Administración sanitaria, que comezou a ofrecer os seus servizos no ano 2000, -e que foi amplamente renovada e ampliada nas súas prestacións no ano 2003-, Galicia convertiuse en pioneira á hora de ofrecer novas facilidades a través desta ferramenta informática, como son a xa comentada solicitude da Cita Previa ou de Tarxeta Sanitaria, ou a consulta en tempo real dos diferentes servizos da Administración. Un dos aspectos que o Sergas considera fundamental da páxina é a actualización permanente dos seus contidos e a posibilidade de crecemento da mesma en función das necesidades da organización e das demandas dos usuarios de acceso á información. Trátase, en definitiva, de que a través desta fiestra sanitaria os galegos dispoñan dun sistema virtual de comunicación permanente co sistema sanitario.

Así, o usuario pode non só solicitar cita para o seu médico do centro de saúde e realizar petición ou modificacións dos datos da súa tarxeta sanitaria, de cambio de médico de cabeceira ou pediatra, senón que, entre outros servizos, tamén pode solicitar a tarxeta de doador de órganos, dispoñible esta última en formato electrónico que, unha vez pedida, o usuario recibirá nuns poucos días no seu domicilio. Interactúase tamén en materia de selección de persoal, como pode ser o caso do proceso de Consolidación de Emprego (OPE), que o Sergas ten actualmente en marcha. Así mesmo, o internauta pode, a través da Guía de Servizos Interactiva, acceder de xeito áxil e sinxelo á carteira de prestacións asistenciais e administrativas dispoñibles nos concellos galegos.

PROCEDEMENTO SINXELO

Para iniciar o proceso de solicitude de cita previa, o cidadán só deberá introducir os datos da súa tarxeta e seleccionar o centro de saúde ao que pertence. Unha vez rematada esta operación deberá indicar o motivo da consulta, e seleccionar o día e a hora desexada para a cita nun prazo máximo de dez días. Entón, o sistema encargarase de realizar as comprobacións oportunas e de buscar unha data que sexa axeitada ás preferencias do paciente. Antes de asignar de xeito definitivo esta opción amosaranse os datos ao demandante para que os confirme. A este operativo avance informativo engádeselle a posibilidade de consultar todas as súas citas pendentes, así como anular calquera delas.

EN FUNCIÓN DO PERFIL DO USUARIO

A páxina web do Servizo Galego de Saúde estrutura os seus contidos e os presenta en tres niveis distintos, en función do perfil de cada usuario. Para isto, a páxina contempla tres tipos de posibles internautas: o cidadán en xeral como usuario potencial do sistema público de saúde, o profesional e, en terceiro lugar, as empresas que estean interesadas en acceder aos concursos públicos de contratación.

Respecto do cidadán, o primeiro dos apartados da páxina é a Portada. Nel recóllense os temas de interese preferente ou campañas que se están a desenvolver na actualidade –consellos sanitarios para a estación estival correspondente, telefonía móbil e saúde, dereitos e deberes dos cidadáns no sistema sanitario recollidos na Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia, información sobre a síndrome respiratoria aguda severa, etc-.

O segundo dos apartados é o de Novidades. Nel figuran, entre outras, as novas en materia de recursos humanos de recente aparición como poden ser listados definitivos de contratación, listados provisionais, convocatoria de prazas, publicación de resultados, etc.

O terceiro dos apartados para a cidadanía é o de Consellos de Saúde. Aquí figuran as recomendacións que os galegos poden consultar sobre aspectos sanitarios tales como: a medición da presión arterial, a saúde durante as ondas de calor, os coidados a seguir tras unha operación de cirurxía menor ambulatoria, as normas de protección solar, a prevención das caídas nas persoas maiores, etc.

O último dos apartados é o de Accesos. No mesmo, o internauta pode acceder á información da Administración sanitaria galega relacionada coa doazón e o transplante de órganos, as listas de espera, o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama, o calendario de vacinación infantil, a manipulación de alimentos, etc.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia