Skip to main content

Javier Fraiz gaña o XXIX Premio Carracedo de Xornalismo

O premio, dotado con 3.000 euros e diploma, entregarase o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da Deputación de Ourense. O certame, que nesta edición chega á súa 29ª convocatoria, foi instaurado para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, Xosé Aurelio Carracedo, falecido en 1988.

O xurado destaca o alto nivel dos traballos presentados ao certame e valora dos artigos de Javier Fraiz o feito de ser "pezas literarias baseadas na realidade do día a día", salientando "o estilo propio e definido co que as executa, o que se aprecia de maneira constante en todos os artigos". Así mesmo, subliña "os bos desenlaces" dos artigos e a circunstancia de que acheguen "datos e información, arroupados por unha escrita literaria; unha perfecta conxugación entre o literario e o xornalístico".

Na acta, o xurado fai constar ademais, e dado que na vindeira edición de 2020 o premio cumpre o seu trinta aniversario, a proposta de impulsar unha especial e maior relevancia na próxima convocatoria e de organizar actividades con motivo desas tres décadas do premio que poñan en valor a figura de Xosé Aurelio Carracedo traendo á actualidade o que supuxo humana e profesionalmente este senlleiro xornalista ourensán.

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xulia Campo Vázquez, vicepresidenta da Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE) e Xosé Manuel Rubín Carballo, xornalista, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

Javier Fraiz (Ourense, 1986) é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Traballa desde 2009 na edición ourensá de Faro de Vigo. Ten colaborado con Onda Cero, Radio Nacional de España (RNE) e a axencia EFE. Durante dous anos foi cronista musical, especializado en jazz e música independente, para Son Estrella Galicia e o ciclo de jazz 1906.
Deputación de Ourense