Skip to main content

A Axencia de Coñecemento en Saúde formou durante 2018 a máis de 14.200 profesionais

Para iso, a Axencia de Coñecemento en Saúde ten en marcha unha planificación moi diversa. Por unha banda a formación continuada que se realiza a través a través do Plan Estratéxico de Formación, a través do que se executaron 183 cursos durante o ano pasado, e do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións públicas, que desenvolveu 262 cursos.

Por outra banda, ACIS ten en marcha outros programas formativos como REDCASA, o Plan Asistencial Práctico, o Plan Estratéxico de Formación en Bioética e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns.

Datos dos programas de formación

Unha das innovacións máis recentes de ACIS é a Rede de Capacitación e Adestramento Sanitario (REDCASA), dirixido a aumentar a seguridade do paciente por medio do adestramento dos equipos profesionais sanitarios, no seu lugar de traballo e na súa xornada laboral. Neste adestramento empréganse técnicas de simulación avanzada que remedan situacións reais, con avaliación competitiva mediante rúbricas específicas vinculadas a obxectivos trazables de resultados en saúde.

A primeira fase despregada durante 2018 adestrou a un total de 1.550 profesionais sanitarios de Atención Primaria do Sergas ante unha emerxencia cardiovascular. Os obxectivos principais foron recoñecer os síntomas inminentes de parada cardiorespiratoria; coñecer os mecanismos de alerta ao sistema de emerxencias médicas; organizarse adecuadamente en caso dunha parada cardiorespiratoria; realizar manobras de RCP de calidade obxectivable; coñecer e manexar correctamente os recursos de que dispón cada centro de saúde e xerar coñecemento entre os profesionais, fortalecendo o traballo en equipo.

Ademais do proxecto REDCASA, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde impulsaron durante 2018 o Programa Asistencial Práctico (PAP), combina innovación formativa, organizativa e tecnolóxica e durante 2018 ofertou 498 prazas e realizáronse 220 horas prácticas totais. O PAP está destinado a grupos reducidos de profesionais que precisan actualizar coñecementos prácticos, iso é pretende dotar ao profesional de habilidades técnicas que permitan mellorar o proceso asistencial ao paciente. Os obradoiros, para grupos reducidos, teñen lugar nas unidades móbiles do punto de atención ao diagnóstico terapéutico móbil.

Outra da formación específica de ACIS durante 2018 foi o Plan Estratéxico de formación en Bioética. Está destinado tanto a persoal sanitario como a residentes en formación de todas as profesións sanitarias e tamén a membros dos comités de ética asistencial. O Plan persegue que estes profesionais adquiran as competencias, coñecementos e habilidades para mellorar os procesos de toma de decisións e capacitalos para resolver a maioría dos problemas éticos que se presenten no desenvolvemento do seu labor profesional. Así mesmo, o plan aspira a favorecer a implantación dunha cultura bioética na organización sanitaria e nos seus profesionais que fomente a deliberación pública sobre as necesidades de saúde, a responsabilidade no coidado da saúde e o uso equitativo dos recursos sanitarios.

Actuacións dirixidas ao cidadán

O coñecemento é o maior valor dos profesionais sanitarios, e dos cidadáns, para o coidado da saúde. Durante os últimos anos, o Sergas impulsou tamén actuacións de xestión do coñecemento dirixidas especificamente aos cidadáns.

No ano 2009, a Consellería de Sanidade foi unha das organizacións pioneiras no Sistema Nacional de Saúde no lanzamento da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. O seu obxectivo é dar formación, habilidades e coñecemento en procesos de saúde e enfermidade dos pacientes, coidadores e cidadáns, co fin de mellorar a súa calidade de vida e potenciar a súa participación nas decisións sobre os seus procesos, así como facilitar coñecemento e información sobre o funcionamento da organización sanitaria, para conseguir un uso eficiente dos dispositivos asistenciais.

Durante 2018, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns realizou un total de 81 cursos.
Axencia de Coñecemento en Saúde