Skip to main content

Medio Ambiente formará a produtores, distribuidores e xestores na xestión de pilas e residuos eléctricos e electrónicos

Polo tanto, entre os asistentes haberá fabricantes, distribuidores e instaladores, así como asociacións e entidades representativas do sector, transportistas e xestores destes residuos.

A primeira das xornadas celebrouse o 11 de abril nas instalacións da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago, e hoxe impartiuse a segunda sesión no concello pontevedrés de O Porriño, concretamente nas instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Todos estes foros enmárcanse no paquete de accións formativas e de traballo que contempla o Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), aprobado pola Xunta no ano 2016 como unha ferramenta de planificación en materia de prevención e xestión dos residuos de orixe industrial.

Con este tipo de actividades, o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é achegar e dar a coñecer o actual marco legal polo que se regula a xestión de pilas e RAEE industriais, e as principais obrigas existentes tanto desde o punto de vista dos produtores como dos xestores.

No caso concreto da xornada en O Porriño, cuxa apertura correu a cargo da subdirectora xeral de Residuos, Verónica Tellado, a sesión comezou facendo un repaso pola situación da xestión en Galicia de pilas e RAEE industriais. Así mesmo, tamén houbo unha ponencia sobre baterías de coches eléctricos por parte dun colaborador do CTAG, e no último bloque da sesión abriuse unha mesa de debate sobre a preparación para a reutilización e a obsolescencia programada destes residuos no marco da economía circular.

Próximas xornadas

En total, están previstas catro sesións no mes de abril centradas na xestión de pilas e RAEE industriais. As seguintes xornadas celebraranse nos días e lugares que se indican a continuación, aínda que poderían sufrir algún cambio en función do número de inscritos.


O PORRIÑO: 23-04 Centro Tecnolóxico de Automoción
A CORUÑA: 24-04 Salón de Actos Edificio Administrativo de Monelos
LUGO: 29-04 Asoc. Provincial Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios

Todas as persoas interesadas en obter máis información sobre as xornadas de xestión de pilas, acumuladores e residuos de aparellos eléctricos e electrónicos previstas ao longo deste mes poden facer a súa consulta no teléfono 981 54 10 45 ou enviala ao enderezo electrónico residuos-priga.medio-ambiente@xunta.gal. Así mesmo, as inscricións para participar como asistentes nalgunha destas sesións deberán tramitarse no seguinte enlace.
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda