Skip to main content

O festival Arte pola Igualdade nas Letras Galegas chega á súa VIII edición na Coruña

O Festival Arte pola igualdade nas Letras Galegas, impulsado polas consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional, chega á súa VIII edición para homenaxear nesta ocasión a Antonio Fraguas cun novo cartel no que participan cinco centros de ensino da Coruña e que se poderá desfrutar este xoves, ás 19,00 horas, no Teatro Colón. Así o anunciaron hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que animaron “a gozar deste espectáculo no que os valores da lingua e da diversidade van da man de grandes doses de creatividade, sensibilidade e integración para honrar a don Antonio Fraguas nunha cita cultural xa consolidada na axenda do mes das nosas Letras”.

“A proposta, ademais de renderlle tributo ao autor das letras, pretende fomentar o traballo colaborativo, a integración do alumnado con necesidades educativas especiais e demostrar que a discapacidade física, psíquica ou sensorial non é impedimento para desenvolver a creatividade e sensibilidade artística”, subliñaron.

Acompañáronos na presentación os xefes territoriais de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Espada e Indalecio Cabana, respectivamente; a directora do CEE Nosa Señora do Rosario, Noelia López; a directora do CEE María Mariño, M.ª Luz Barreiro; o director do CMUS Profesional da Coruña, Jesús López; o director do CEIP Eusebio da Guarda, Juan M. Millares; a directora artística do espectáculo, Dolores Orellán; e a autora da peza teatral, Arantxa Vera.

Desfile de traxes tradicionais/

O CEE nosa Señora do Rosario, o CEE María Mariño, o CMUS Profesional da Coruña, o CEIP Eusebio da Guarda e o CEIP Luís Seoane festexarán as Letras Galegas a través do Festival Arte pola Igualdade, un espectáculo para todos os públicos que terá como protagonista e anfitrión o seu alumnado e que se celebrará o xoves, as 19,00 horas, no Teatro Colón da Coruña.

O cartel do festival inclúe un desfile de traxes tradicionais galegos, a dramatización da cantiga O casamento da pulga” e a representación da peza teatral Belulo. O alumnado e o profesorado do CMUS profesional interpretarán cancións tradicionais galegas, Bonse Aba (canción tradicional de Zambia) e o Canto de berce para unha princesa negra, de A. Rodríguez Sabanés. No espectáculo participarán un cento de alumnos e alumnas.

O festival conta tamén coa colaboración dos CIFPs Ánxel Casal-Montealto (apoio á comunicación); Someso (maquillaxe e peiteado), Imaxe e Son (medios audiovisuais) e Leixa de Ferrol (cartelaría). A entrada é de balde ata completar a capacidade do teatro e poderase retirar previamente no despacho de billetes.

Entre os materiais da edición 2019 figura unha adaptación do conto O casamento da pulga (Cancioneiro de Cotobade, 1985) con pictogramas elaborado polo CEIP Plurilingüe O Mosteirón de Sada (A Coruña) e o CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña). Toda a información no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
Festival Arte pola igualdade nas Letras Galegas