Skip to main content

Cultura investiu máis de 280.000 euros para potenciar o turismo de natureza no concello de Viana do Bolo

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo investiu 280.343,86 euros nos traballos de recuperación que teñen por obxecto a posta en valor dos recursos turísticos do Concello de Viana do Bolo. As intervencións estiveron encamiñadas á potenciación de elementos atractivos da paisaxe para o turismo de natureza, e consistiron en intervencións de adecentamento, sinalización e dotación de mobiliario, principalmente.

Tres áreas concretas do concello ourensán foron as afectadas por esta intervención. A primeira delas é a correspondente aos muíños de Pradocabalos, que foron adecuados para que acollan un área de lecer. Ademais os tres vellos muíños e o seu entorno rehabilitáronse para facelos visitables.

A segunda actuación consistiu na creación de tres miradoiros nos lugares de San Cibrao, Quintela do Pando e o Cañón do Bibei. Trátase de tres zonas de grande riqueza forestal ás que se lles dotou dun merendeiro e un espazo para descanso e lecer.

MÉDULAS

A derradeira das áreas designadas pola Consellería de Cultura para o impulso turístico de Viana do Bolo foi a das médulas de Caldesiños, nas que existen restos dun lavadoiro romano e unha explotación con pequenas fábricas artesás de tella curva.

Para a revalorización deste conxunto optouse pola súa sinalización e a creación dun aparcadoiro próximo que facilite as visitas do público. Os traballos nas médulas completáronse coa recuperación de outros dous miradoiros que servirán para obter unha visión global da paisaxe.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia