Skip to main content

Declaración do presidente da Xunta de Galicia en relación co falecemento da súa santidade Xoán Paulo II

Este papado será lembrado como un dos máis frutíferos da historia, tanto polo carisma do Sumo Pontífice –acentuado polo entusiasmo co que levou a mensaxe evanxélica polo mundo enteiro-, como pola incuestionable autoridade moral acadada nestes máis de 26 anos de pontificado. Ata tal punto foi así que Xoán Paulo II foi e será, sen dúbida, a personalidade máis respectada do mundo actual, máis aló das diferentes crenzas relixiosas, improntas culturais ou marcos xeográficos.

As súas dotes como comunicador, unidas ao seu carisma persoal, forxado sobre unha sólida formación teolóxica e unha fonda espiritualidade cristiá, axudáronlle a Xoán Paulo II a trasladar a súa mensaxe máis aló dos muros vaticanos.

Galicia mantén unha inmensa débeda de gratitude con Xoán Paulo II. O Papa que, nas súas propias verbas, procedía da Galitzia polaca e visitou en dúas ocasións a Galicia española, para alentar coa súa presenza e o seu maxisterio dúas realidades que lle interesaban de xeito especial: o fenómeno xacobeo e a xuventude.

Chegado este punto, teño que recoñecer, no plano persoal, que manteño un recordo imborrable dos tres encontros privados que tiven a honra de manter co Santo Padre no Vaticano. Atópanse, sen dúbida, entre os momentos máis entrañables e importantes de cantos gardo na memoria dunha vida longa e intensa, chea de acontecementos e experiencias políticas e persoais.

A reivindicación da dignidade da persoa e a defensa da liberdade individual e colectiva foi outro dos obxectivos irrenunciables do Papa Wojtyla, que na súa xuventude sofriu en carne propia os efectos das crueldades humanas. Nos seus últimos anos, Xoán Paulo II ofreceunos tamén un exemplo de integridade e de coherencia persoal e cristiá, ao non ocultar os efectos da súa propia enfermidade, xusto cando a sociedade actual parece máis preocupada pola imaxe e a apariencia que pola visión integral de cada unha das etapas vitais do ser humano.

Oxalá que o recordo do seu maxisterio –recollido en multitude de documentos- continúe iluminando o discorrer dun mundo que precisa, probablemente máis que nunca en toda súa historia, de exemplos de integridade moral e persoal. Descanse en paz.
Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta (Gabinete de Comunicación)