Skip to main content

Ourense coordina cos seus socios internacionais proxectos para promover unha cidade sostible usando as enerxías renovables

“Este proxecto coloca a Ourense como líder da enerxía xeotérmica en Europa”, afirma Jorge Pumar, concelleiro de Promoción Económica. “Foi un compromiso adquirido ao inicio do mandato que suporá que os vindeiros anos cheguen grandes investimentos para esta cidade”.

O proxecto, liderado polo Concello de Ourense, aposta por fomentar unha cidade sostible, baseada na utilización das enerxías renovables, e moi especialmente dun dos maiores recursos endóxenos cos que conta a cidade de Ourense, a xeotermia -explican desde a Concellería de Promoción Económica- e permitirá crear os alicerces dunha estratexia de sostibilidade urbanística e respecto ao medio ambiente.

Así, explican que no seu marco creará un mapa de recursos de áreas de potencial xeotermal, comezando cun proxecto piloto que se desenvolverá no Centro de innovación municipal La Molinera. Xunto con Ourense tamén realizarán estudios similares as cidades de Tenerife, Gran Canaria en España ou as Illas Azores en Portugal.

O proxecto Geoatlantic, liderado desde o Concello de Ourense, aposta por promover o uso da enerxía xeotérmica nas comunidades europeas por medio dun conxunto de ferramentas e metodoloxías que permitan crear as condicións necesarias, para favorecer a transición enerxética no Espazo Atlántico a través da posta en marcha de ecosistemas locais favorables, para o impulso dos recursos xeotérmicos locais.

Espazo Atlántico

O obxectivo xeral do programa Espazo Atlántico, cofinanciador do proxecto, é implementar solucións para responder os desafíos rexionais no ámbito da innovación, a eficiencia dos recursos, o Medio Ambiente e os bens culturais, apoiando o desenvolvemento rexional e o crecemento sustentable.

Como parte da Política de Cohesión da Unión Europea, o Programa INTERREG Espazo Atlántico apoia proxectos de cooperación transnacional en 37 rexións Atlánticas de cinco países: Francia, Irlanda, Portugal, España e Reino Unido, contribuíndo aos obxectivos en materia de cohesión económica, social e territorial.
Concello de Ourense