Skip to main content

Xavier Lama recolle o I Premio Laudamuco por 'Na miña alma ouvea un lobo', que define como 'historia de amor e inmenso desamor'

Un premio convocado polo Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, para promover a creación de textos teatrais en galego e honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño. De feito, o día escollido para a súa entrega coincide coa estrea de “Laudamuco, señor de ningures”, a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura cara ao profesionalismo o 16 de maio de 1978.

Xavier Lama foi distinguido pola obra “Na miña alma ouvea un lobo”, “unha historia de amor e inmenso desamor. Está centrada nunha muller que viviu unha historia de decepción ao descubrir que o seu amor era falso, que conviviu catro anos cun axente da policía secreta co que tivo un fillo. Un enigma moi literalizable que parte dunha investigación sobre un caso real realizada en 2011 polo xornal The Guardian”. Un traballo polo que o escritor de Guntín levou un premio económico de 7.000 euros, unha figura en bronce de Xosé Vizoso que representa a súa visión de Laudamuco e o seu fiel criado Rouco e un dos exemplares editados por Edicións Positivas desta obra. Uns libros cos que tamén foron agasalladas todas as persoas que asistiron ao acto de entrega do premio, celebrado esta mañá en Brión.

Continuidade

O alcalde brionés agradeceu a colaboración da Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas e garantiu a continuidade do Premio Laudamuco. “Xa dixen na presentación do premio que tería continuidade, cando menos, mentres eu sexa alcalde. Pero creo que nesta primeira edición, o propio Laudamuco gañouse a súa continuidade. Así o confirman as persoas integrantes do Xurado, quen destacaron non só a gran cantidade de obras presentadas a concurso, 54, senón tamén o gran nivel de calidade de cada unha delas. Creo que deste xeito cumprimos un dos desexos do noso benquerido Roberto Vidal Bolaño, quen sempre lamentou a falla de textos teatrais en galego”.

Por iso, tras felicitar a Xavier Lama, José Luís García recolleu o guante lanzado por todos os participantes no acto: “temos unha elevada dotación económica, temos a edición da obra por Edicións Positivas e temos este magnífico trofeo elaborado por Xosé Vizoso. Ao mellor temos que traballar para que na próxima edición tamén se garanta a posta en escena da obra gañadora”. Neste sentido, pediulle ao gañador que “escolla Brión para estrear Na miña alma ouvea un lobo”.

Séculos de ouro

O director de Edicións Positivas, Francisco Macías, deu lectura a un texto de Roberto Vidal Bolaño sobre a situación do teatro en Galicia. “Un texto de hai 20 anos que sigue sendo vixente”, explicou, para recoñecer que “cando nos propuxeron publicar o texto gañador non puidemos dicir que non. Un dos obxectivos de Edicións Positivas é publicar e potenciar as obras de Roberto, un dos grandes escritores da literatura galega. E fixádevos que dixen escritor, non dramaturgo, pois os dramaturgos están á mesma altura ca os narradores ou os poetas”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Academia Galega de Teatro, Eduardo Alonso, felicitou ao Concello de Brión por unha iniciativa que “potencia o teatro nestes tempos de crise longa e nos que as institucións xa case non teñen iniciativas ou manteñen algunhas a duras penas ou que mesmos son inútiles. Por iso cobra importancia este premio Laudamuco”. Alonso destacou que “o teatro estrutura e constrúe país. O teatro que vai xerando país é o que se representa, pero o que se escribe xera consciencia. E cando ambos coinciden, danse os séculos de ouro dos países. O noso aínda está por chegar”.

Un punto no que incidiu o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, “presente hoxe como un veciño máis de Brión”, quen salientou que “o premio mellor non pode comezar. Xavier Lama, compañeiro de letras e de aventuras. É toda unha garantía empezar así”. Freixanes aventurou que “Brión pode ser o continuador da tradición nacida en Ribadavia. Capitanear unha iniciativa como o Laudamuco é algo que nos vai dar un sitio no mundo e na cultura”. Así mesmo, incidiu en que “non chega coa edición do texto. O seguinte paso é levar isto aos escenarios para que o teatro teña o sentido que ten”.

Xurado

Luma Gómez, en nome de todos os membros do xurado (Rosa Álvarez, María Barcala, Manuel Guede e Damián Villalaín), deu lectura á acta do fallo do premio. O xurado, que avaliou os 54 textos presentados, fundamentou a súa decisión, tomada por maioría, na “capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras do funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”.

Ademais valoraron “moi positivamente as potencialidades escénicas que se derivan dun texto estruturado en cadros ou escenas breves que favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”. Acto seguido, María Barcala, Luma Gómez e Manuel Guede realizaron unha lectura de algúns fragmentos da obra gañadora.

Xabier Lama

Xavier Lama, natural de Guntín (Lugo) e afincado en Santiago, concorreu ao certame coa obra ‘Na miña alma ouvea un lobo’, presentada co lema ‘Refachos de dor’. O xurado, que avaliou os 54 textos presentados, fundamentou a súa decisión, tomada por maioría, na “capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras do funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”. Ademais valoraron “moi positivamente as potencialidades escénicas que se derivan dun texto estruturado en cadros ou escenas breves que favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.

Xavier Lama López, que na actualidade traballa na TVG, foi durante doce anos profesor da Universidade de Santiago de Compostela, desempeñando tal función na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago e na Facultade de Humanidades en Lugo. Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, traballou e colaborou como columnista en diversos medios impresos e audiovisuais. O seu labor xornalístico mereceu diversos premios, entre eles o Galicia de Xornalismo ao mellor artigo en 1989. No eido literario, Lama, que suma dezaoito libros como autor ou coautor, ten no seu haber os premios Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Camiño de Santiago, o Rafael Dieste, o Manuel María ou o María Casares de Teatro, así como o Esquío e o González Garcés de poesía.

Concello de Brión