Skip to main content

O MARCO de Vigo acolle a exposición 'DESTACADOS. Colección Telefónica'

Ademais, como valor engadido da mostra en Vigo, xunto ás obras da Colección Telefónica, a exposición permite establecer vínculos e diálogos con creadores galegos renovadores, que deron paso á modernidade en Galicia, a través dunha selección de obras procedentes de Coleccións de Museos do Concello de Vigo.

A Colección Telefónica: exemplo de coleccionismo corporativo

A Colección Telefónica componse dun conxunto de máis de 1.000 obras entre pintura, escultura, fotografía e obra en papel. A creación deste fondo iníciase nos anos 80 coa intención de promover o recoñecemento dunha serie de artistas españois pouco representados nos museos estatais do momento. Adquiríronse entón obras de Juan Gris, Tàpies, Chillida, Picasso e Luis Fernández e ao longo das dúas décadas seguintes, e con obxectivos moi distintos ao inicial, a Colección vaise ampliando e abrindo outros camiños artísticos.

Froito desta evolución a Colección Telefónica foi cualificada como “colección de coleccións”, ao poder agruparse en varios bloques temáticos e por conter artistas magnificamente ben representados tanto en cantidade coma na calidade das súas obras. Con presenza nacional e internacional de autores máis e menos visibles, o contido da colección é diverso en canto a disciplinas e correntes estéticas se refire.

Nunca tivo unha vocación enciclopédica; non obstante, observada no seu conxunto permite testemuñar algúns dos movementos máis significativos do século XX: dende o cubismo, o surrealismo, o informalismo, a abstracción ou as diferentes tendencias da pintura figurativa. Sen esquecer o fondo de fotografía contemporánea, outro capítulo de grande interese, que reúne algúns dos autores máis relevantes desta disciplina.
Museo de Arte Contemporánea de Vigo