Skip to main content

O Simposio Internacional Opus Monasticorum, organizado pola Consellería de Cultura, inaugúrase o 6 de abril

Os mosteiros serán o tema sobre o que versará o simposio internacional Opus Monasticorum que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo organizará en Santiago de Compostela entre os días 6 e 9 de abril. Durante as catro xornadas do evento, un grupo de expertos de museos e universidades galegos e españois tratarán a transcendencia que para a cultura occidental en xeral, e para a galega en particular, tivo a tradición do monacato.

O corpus de coñecemento legado polas reglas observantes como os benedictinos e cistercienses, así como por outras ordes monásticas e conventuais, supón unha fonte de estudios que precisa de constante revisión, actualización e intercambio de análises entre os diferentes campos da comunidade científica.

O escenario do simposio será o Centro Galego de Arte Contemporáneo, que será tamén obxecto dunha visita guiada durante a última das xornadas. A dirección do evento está a cargo de José M. López Vázquez, da Universidade compostelana. A programación de conferencias prestará especial atención ao monacato benedictino, unha das instancias de poder principais no seu tempo en Galicia, xunto coas sedes arcebispais e episcopais, a nobreza e a coroa. O seu periodo de esplendor, principalmente económico, nos séculos XVII e XVIII, centrará unha das propostas de traballo para este encontro.

TEMAS E PONENTES

Entre os ponentes que participarán en Opus Monasticorum figuran Víctor Nieto Alcalde, José Carlos Valle Pérez, José Manuel García Iglesias, Iván Rega Castro, Marica López Calderón ou Ana E. Goy Diz, entre outros. Os asuntos que tratarán inclúen o monacato feminino, os modelos monásticos na Idade Media, a presenza das congregacións nas artes, as iconografías e as singularidades do monacato en diversas rexións da Península Ibérica.

A Universidade de Santiago de Compostela agasallará con un crédito de libre configuración aos estudiantes das carreiras de Historia, Historia da Arte e Xeografía que asistan ao simposio. Asemade, os asistentes que acrediten que acudiron a un mínimo do 80 por cento das horas lectivas poderán obter un certificado de asistencia de 30 horas e aproveitamento do curso.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia