Skip to main content

Innovación apoia a protección e o uso da propiedade industrial nas PEMES galegas

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio ven de habilitar unha liña de axudas para apoiar a protección e a utilización do sistema de propiedade industrial por parte das pequenas e medianas empresas galegas.

Trátase dun tipo de subvencións que se convocan por primeira vez este ano e que contan cun presuposto global de 300.000 euros destinados a financiar os gastos de solicitude, mantemento e inscrición de títulos de propiedade industrial, é decir, inventos, deseños industriais e marcas.

Tamén se subvencionarán os gastos de elaboración de informes de antecedentes rexistrais, así como os estudos de viabilidade técnico-económica e o apoio externo para relacións con socios empresariais relativos ó desenvolvemento, industrialización e comercialización dunha invención ou deseño industrial que non estea en explotación.

En Galicia, a utilización do sistema de propiedade industrial por parte do tecido empresarial é sensiblemente inferior á media do Estado, o que evidencia que as empresas galegas non sempre explotan plenamente a súa capacidade innovadora, pese a que cada día aparecen no mercado novos produtos, marcas e deseños que son froito dun traballo continuo de creatividade.

Neste contexto, o departamento que dirixe Juan Rodríguez Yuste considerou necesario fomentar o valor da propiedade industrial e que as empresas o utilicen eficamente na súa estrategia comercial, o que tamén repercutirá na mellora da competitividade das mesmas.

Para elo creouse por primeira vez este ano unha liña de axudas dirixida as pemes e micropemes galegas (é decir, aquelas que ocupen a menos de 250 traballadores e cuxo volumen de negocios anual non exceda de 50 millóns de euros), para que rexistren e utilicen os seus dereitos de propiedade.



Segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 16 de marzo, Innovación subvencionará o 70% dos gastos de solicitude de títulos de propiedade (inventos, deseños industriais e marcas) nas oficinas rexionais, nacionais e internacionais. Neste senso, a empresa solicitante poderá recibir axudas tanto para os gastos dos trámites dos procedementos correspondentes á concesión de novos títulos, como para a transformación ou extensión territorial de títulos xa existentes. No referido á concesión de novos títulos, as axudas atinxen tanto ós gastos dos trámites dos procedementos correspondentes á concesión de novos títulos, así como á transformación ou extensión territorial de títulos xa existentes.

Na mesma porcentanxe, tamén se subvencionarán os gastos de mantemento e inscrición dos mesmos así coma os estudios de viabilidade industrial de invencións ou deseños industriais que aínda non se puxesen en explotación. Neste último apartado inclúense os gastos de consultoría correspondentes ós estudos técnico-económicos para o desenvolvemento, industrialización e comercialización dun invento ou un deseño industrial.

ASESORAMENTO A TRAVÉS DO SEGAPI

Todas as solicitudes poderán presentarse nos servizos centrais ou delegacións provinciais da Consellería de Innovación, así coma no rexistro do Servizo Galego de Propiedade Industrial (SEGAPI), ubicado en Santiago de Compostela. Os formularios de solicitude poderán cumplimentarse e descargarse na web do SEGAPI, www.segapi.org.

O SEGAPI foi creado hai perto dun ano pola Consellería de Innovación para dar servizo ás empresas galegas respecto á información e asesoramento en materia de propiedade industrial.

Entre as súas funcións está ofrecer información para orientar a actividade innovadora do tecido produtivo galego, a través da prestación de servizos de información e vixiancia tecnolóxica.

Así mesmo, o SEGAPI, entre outras, recibe e examina as distintas solicitudes dirixidas á Oficina Española de Patentes y Marcas; e tamén desenvolve actividades coa finalidade de promover un mellor coñecemento e unha máis axeitada protección da propiedade industrial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia