Skip to main content

Inaugurada a exposición itinerante de GaliciaDigital sobre Manuel Rodríguez López en Monforte de Lemos

No devandito acto participaron o alcalde de Paradela (José Manuel Mato); a concelleira de Cultura do Concello de Monforte, Mariña Doutón; a Deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto; a Xefa territorial de Cultura da Xunta en Lugo (María Xosé Gómez); a viúva do escritor (Irene López); o presidente do Colectivo Egeria (Xulio Xiz) e o director de GaliciaDigital (Antonio Giz).

A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega, e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 7 anos máis de 17.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria ou Valladolid, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

A exposición estará en Monforte de Lemos ata o 29 de xuño, e está previsto que este ano visite Foz, Sevilla, Pamplona e Santander.

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXIV edición.
GaliciaDigital