Skip to main content

Arranca a campaña 'Repara en...' para fomentar a prevención de residuos alimentarios, potenciar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva

Con esta nova acción, a Consellería de Medio Ambiente pon a disposición dos concellos galegos material gráfico e divulgativo sobre a xestión dos residuos domésticos, a súa prevención e reutilización dos mesmos; así como educadores ambientais que impartirán charlas divulgativas a grupos de adultos, preferentemente, e que tamén organizarán distintas actividades dinámicas, como xogos ou obradoiros, pensadas para un público máis novo e infantil.

Os dous obxectivos globais desta nova campaña, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, son fomentar a correcta xestión dos residuos domésticos e a prevención do desperdicio alimentario. Nese sentido, deseñáronse seis paneis con información sobre qué facer cos residuos municipais e como promover accións que camiñen cara o vertido técnico cero. Para conseguilo, á hora de consumir -por exemplo- débense cambiar comportamentos como apostar polo consumo local, os produtos de tempada e o uso de envases retornables.

A Consellería de Medio Ambiente defende que o mellor residuo é aquel que non se produce, polo que outra das mensaxes nas que se quere incidir é a importancia de reducilos e reutilizar os produtos. Algúns consellos que se poden adoptar son usar menos envases e apostar pola compra a granel ou as cantidades que se precisen; facer uso dos mercados de segunda man para produtos como os aparellos electrónicos, libros, xogos...; ou doar roupa, calzado e obxectos que, estando en boa estado, non se usen.

Coa comida non se xoga

Baixo o lema ‘Coa comida non se xoga’, a Xunta de Galicia quere o foco no desperdicio alimentario, un problema ambiental, social e económico. Segundo as cifras oficiais, un terzo dos alimentos tíranse en perfecto estado, o que sitúa a España no sétimo país da Unión Europea que máis alimentos desperdicia. Para mudar esta realidade pode conseguirse con pasos sinxelos como: planificar os menús, conservar a comida sobrante e aproveitala para outras receitas; se comes fóra da casa, prepara o teu propio recipiente para axustar a cantidade de comida e, no caso de comer nun restaurante, podes pedir a comida e a bebida sobrante.

Un sinxelo xesto como separar a materia orgánica para poder reciclar, permite devolver á terra o que é da terra. Coa compostaxe -individual, comunitaria ou industrial- péchase o círculo da materia orgánica e aporta fertilidade ao solo, é dicir, os residuos orgánicos poden ter unha nova vida; ao tempo que se reduce a eliminación en vertedoiros e evitando emisións contaminantes á atmosfera. En definitiva, dáse unha alternativa á fracción orgánica que se deposita na bolsa do lixo e que representa un 42%.

Asemade, a Xunta de Galicia ten posto en marcha medidas e programas que favorezan o paso á economía circular, co fin de abandonar o vello e caduco modelo de usar e tirar e apostar por un sistema que permita pechar o ciclo de vida dos produtos e servizos, optimizando o consumo de materiais, auga e enerxía e minimizando a xeración de residuos.

Esta mañá a campaña estará no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e, a continuación fará case 20 novas paradas en distintos concellos ao longo do mes de xuño: Lourenzá (17 xuño), O Barco de Valdeorras (18 xuño), Campo Lameiro (19 xuño), Caldas de Reis (19 xuño), Carballeda de Avia (20 xuño), Soutomaior (20 de xuño), Vilar de Barrio (21 de xuño), O Rosal (21 de xuño), Cortegada (24 xuño), Betanzos (24 xuño), Maside (25 xuño), Rairiz de Veiga (25 xuño), A Laracha (26 xuño), San Xoán de Río (27 xuño), Carballo (27 xuño), Sober (28 xuño), Portas (28 xuño), e Moeche (29 xuño).
Repara en...