Skip to main content

O pop up 'Espazos Efémeros de Emprendemento' de economía social regresa ao Mercado de Santiago

Tras o éxito da primeira fase, celebrada en febreiro e marzo, a exposición volve en xuño e xullo na aula Gastronómica do Mercado de Abastos.

O Pop Up “Espazos Efémeros de Emprendemento” regresa esta fin de semana ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. Tras a gran acollida de público da primeira fase, celebrada os meses de febreiro e marzo, a mostra de produtos e empresas de economía social organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias - AGACA- no marco do proxecto Interreg PocTep LACES, desenvolverase os próximos días 21 e 22 de xuño, 28 e 29 de xuño e 5 e 6 de xullo, en horario de 09.15 a 15.00 horas.

O obxectivo da iniciativa é ofrecer aos proxectos e empresas da economía social que se atopan en fase de creación ou consolidación unha experiencia real de venda e conseguir unha importante aprendizaxe que lles axude a perfeccionar o seu modelo de negocio. Así, o Mercado de Abastos de Santiago converterase durante outros seis días nun escaparate onde os emprendedores poderán expoñer os seus proxectos e produtos ao público, accedendo a unha valiosa retroalimentación do potencial cliente antes de lanzarse definitivamente ao mercado.

No próximas tres semanas, outras nove empresas e emprendedores darán a coñecer os seus produtos máis innovadores. Serán as cooperativas Cobideza; Cooperativa Agraria Provincial da Coruña; Erica Mel; CLUN; Martín Códax; Monte Cabalar; Caprina Galega e Alcrique, ademais da empresa de inserción laboral Conservas Anaco.

Deste xeito, os asistentes poderán coñecer os produtos máis novos de diferentes sectores como o lácteo, vitivinícola, fabricación de embutidos, conservas ou cultivo ecolóxico no marco de empresas da economía social de Galicia.

Participantes na primeira fase

Na súa primeira fase, dez empresas do sector agroalimentario e da economía social de Galicia pasaron polo Pop Up Espazos Efímeros de Emprendemento de Economía Social. Os participantes tiveron a oportunidade de testear os seus produtos e innovacións #ante o público, Ademais, dentro do proxecto, os emprendedores recibiron titorías e asesoramento en diferentes facetas relacionadas co funcionamento exitoso dunha entidade de economía social.

Tamén se realizaron enquisas a visitantes e participantes que ofreceron datos moi positivos en canto ás marcas, os produtos, a iniciativa e organización, alcanzando unha valoración de notable alto.

En total son 17 as empresas e emprendedores que participan neste proxecto. Ás empresas que expoñerán os seus produtos nas próximas xornadas, hai que sumar as participantes na primeira fase. Estas foron Dairylac (Cooperativa Aira), Freshcut (Centro especial de emprego), as cooperativas Milhulloa; Condado Paradanta; Productores del Campo de Capela; Terras da Mariña; Tres Fuciñvos; Nutre en Bio e Alcrique, ademais de Conservas Anaco (estas dúas últimas repiten na segunda fase).

Proxecto LACES

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias - AGACA- organiza esta actividade no marco do proxecto LACES, no que participa xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, EspazoCoop (Unión de Cooperativas Galegas), Aesgal (Agrupación Empresarial de Sociedades Laborales de Galicia), Xunta de Galicia, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Universidade do Minho, In.cubo (Incubadora de Iniciativas Empresariales Innovadoras) y la Cámara Municipal de Santo Tirso.

O Proxecto LACES (0129_ LACES_1_E), Laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

O Proxecto LACES ten como fin último contribuír ao fomento e consolidación da economía social na Eurorregió n Galicia-Norte de Portugal para conseguir un salto cualitativo na súa capacidade para xerar e consolidar emprego, a través da execución de programas piloto para a competitividade e impulso de empresas de economía social no espazo transfronteirizo.

Que é a economía social?

Denomínase economía social ao conxunto de actividades privadas creadas para satisfacer as necesidades dos seus integrantes e/ou o interese xeral económico ou social. É o caso de cooperativas, sociedades laborais e centros especiais de emprego.

Os principios orientadores da economía social son, entre outros, a primacía das persoas e do fin social sobre o capital; adhesión libre e voluntaria; xestión autónoma, transparente e democrática orientación aos intereses dos membros e ao interese xeral; aplicación dos resultados ao fin social obxecto da entidade ou ao interese xeral; solidariedade, igualdade de oportunidades e cohesión social, e independencia dos poderes públicos.
Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias)