Skip to main content

Dez edicións de música, tradición e encontro no Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

O vicepresidente do goberno provincial salientou a traxectoria deste evento cultural que contribúe "a transmitir os valores culturais da nosa terra a través dun dos nosos instrumentos máis senlleiros como é a cornamusa". Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que se trata tamén dun "lugar de encontro para gaiteiros de diferentes lugares de España". De feito, a vocación coa que xorde este Certame é a de "servir como canle cultural ás bandas de gaitas de toda a Península Ibérica, sendo un complemento educativo ao ensino recibido na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense", explicou o vicepresidente do goberno provincial.

Xosé Lois Foxo explicou que este certame é "unha aposta pola recuperación do noso e a posta en valor da nosa mocidade", e dixo que nesta décima edición reunirá "a máis de 500 gaiteiros de Galicia, León e Cataluña".

Pola súa parte, o director de Oca Manzaneda agradeceu "o afán colaborativo" das institucións e sinalou que a misión da Estación é a de ser "nexo de unión destes dous concellos (Manzaneda e A Pobra de Trives), e un claro exemplo disto é este certame". Neste mesmo sentido, Patricia Domínguez manifestou o "máximo compromiso con este evento, referente para o noso municipio", mentres que Amable Fernández asegurou sentirse "encantando de continuar con este certame que se celebra nun lugar inmellorable".

Programa

O programa desta décima edición comezará na Pobra de Trives o sábado, 27 de xullo, ás 12.30 horas, coa mostra de Bandas de Gaitas, onde actuarán Toxos e Xestas de Barcelona, "Os trinta de Trives" e a Real Xuvenil. Ás 18.00 horas, a Igrexa de Manzaneda, acollerá o II Serán da Seitura, en memoria de Ludivina Pérez Ricoi, no que se presentará o "Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives". Ás 20.00 horas, na praza do Concello da Pobra de Trives, terá lugar un concerto a cargo da agrupación "Os trinta de Trives" e, o peche da xornada realizarase na Estación de Montaña, a partir das 22.30 horas, coa Noite Celta, onde actuarán Toxos e Xestas de Barcelona, o plantel de xuíces do Certame, a Real Xuvenil, e as Cantareiras da Real Banda.

Ao día seguinte, o domingo, 28 de xullo, a programación dará comezo, no municipio da Pobra de Trives, ás 10.00 horas coa Alborada a cargo da agrupación "Os trinta de Trives". Posteriormente, o Campo de Competicións da Cabeza Grande de Manzaneda acollerá ás 10.50 horas a competición das Bandas de Gaitas das categorías dos graos 4º e 3º e, ás 12.00 horas, terá lugar a exhibición do Folión "Os labregos de Trives". Ás 12.15 horas celebrarase o concurso de Bastóns de Mando e o Concurso de Gaiteiros Solistas. Posteriormente, a partir das 13.00 horas continuará a competición das Bandas de Gaitas dos graos 2º e 1º, e ás 13.30 horas terá lugar a ofrenda floral ante o monumento a D. Gabino García, en memoria de quen se celebra esta décima edición do Certame, acompañada pola Banda Toxos e Xestas de Barcelona. A continuación, será a entrega de premios, medallas e distincións que rematará cunha actuación conxunta de tódalas bandas participantes.

Ao remate da presentación do certame, Saray González e Miguel Gómez da Real Banda de Gaitas, interpretaron "A muiñeira de Chantada".
Deputación de Ourense