Skip to main content

Máis de 200 profesionais das 15 comisións sectoriais para a reforma da atención primaria comezan os seus traballos

O Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde acolleu a celebración da primeira xuntanza das 15 comisións sectoriais acordadas polos membros do Consello Técnico de Atención Primaria, previsto no Plan de Atención Primaria e nos acordos coas organizacións sindicais.

As 15 comisións sectoriais constituídas, e que comezaron xa os seus traballos, están formadas por un total de 204 profesionais de recoñecido prestixio, dos que 52, un 25,5%, son a proposta das organizacións sindicais, distribuídos en todas as comisións. Tamén hai 72 representantes, un 35%, a proposta das asociacións profesionais e sociedades científicas. Igualmente, forman parte das comisións, un total de 23 persoas, un 11,3%, a proposta dos colexios profesionais. Sinalar, ademais, que tamén hai representación doutras institucións como é o caso da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Este proceso de reforma do primeiro nivel asistencial que está a levar a cabo o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, quedou plasmado no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, recentemente aprobado polo Executivo galego e que, cun orzamento de 102 millóns de euros, recolle un total de 200 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, definidas en 7 liñas estratéxicas e 52 obxectivos concretos.

Traballos a desenvolver nas comisións

Das 15 comisións sectoriais que hoxe comezaron os seus traballos, un total de oito traballarán na definición dunha carteira de servizos das categorías profesionais de médicos, persoal de enfermería, farmacéuticos, fisioterapeutas, matronas, traballadores sociais, odontólogos e persoal administrativo.

As restantes comisións abordarán o mapa de competencias dos diferentes estamentos; a coordinación entre niveis asistenciais; a potenciación das actividades de prevención da saúde e promoción das intervencións comunitarias; a mellora dos aspectos relacionados coa xestión da incapacidade temporal; a prescrición eficiente de medicamentos e probas diagnósticas; a formación e docencia; e a análise demográfica e avaliación das necesidades asistenciais. A comisión sectorial que conta con máis integrantes, un total de 19 membros, é a de coordinación entre niveis asistenciais, sendo a media de integrantes das comisións de 14 profesionais.

Sinalar que o Consello Técnico de Atención Primaria está formado por 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario. A súa creación está enmarcada no cumprimento dos acordos acadados por Sanidade e as organizacións sindicais. Está previsto que este Consello poida funcionar en pleno ou a través das comisións sectoriais creadas para o traballo en determinados asuntos propios da súa competencia.
Servizo Galego de Saúde