Skip to main content

Declaradas BIC as esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller da desaparecida portada exterior occidental da Catedral de Santiago

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres que o Consello da Xunta declarou Ben de Interese Cultural 9 esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela.

Sobre estas pezas e figuras románicas, Feijóo lembrou que son ben coñecidas, especialmente tras a exposición monográfica dedicada ao Mestre Mateo no Museo do Prado, e que teñen unha cronoloxía comprendida entre o 1188 e o 1211.

Dúas delas, precisou, están en mans da familia Franco, en concreto as que representan os profetas identificados como Abraham ou Xeremías e Isaac ou Ezequiel. As restantes sete están en mans particulares ou forman parte do patrimonio de institucións públicas como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra.

O presidente da Xunta salientou que a tramitación deste expediente non recibiu alegacións no período de información pública e que, ademais, contou con informes favorables da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, do Consello da Cultura Galega e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Segundo estes informes, os elementos escultóricos acreditan o valor suficiente para ser declarados BIC e, desta forma, contan co máximo nivel de protección e tutela previsto na lexislación vixente.

A declaración de cada unha das obras, sinalou Feijóo, vaise inscribir de xeito individual e non como colección no Rexistro de BICs de Galicia dada a súa diversa orixe.

Así pois, a Xunta garante a máxima protección para as 9 esculturas atribuídas ao Mestre Mateo, fundamental para garantir o seu legado ás xeracións futuras e para que sexan accesibles ao conxunto da cidadanía, xa que a declaración como BIC obriga aos propietarios a que poidan ser visitadas un mínimo de catro días ao mes.
Xunta de Galicia