Skip to main content

O programa Forestix, que se desenvolverá en abril e maio, achegará os montes galegos á mocidade

O 8 de abril o programa Forestix, organizado polas consellerías de Xuventude e Medio Ambiente, iniciará a súa andadura polos montes galegos. O proxecto, que foi presentado polos titulares dos devanditos departamentos, Pilar Rojo e o vicepresidente segundo Xosé Manuel Barreiro, está dirixido ás mozas e mozos galegos de entre 18 e 30 anos.

Coa posta en marcha desta iniciativa preténdese achegar aos xóvenes o monte e o sector forestal. Cada fin de semana, desde o 8 de abril e ata o 27 de maio, tres grupos de 20 persoas verán in situ distintas zonas de bosque autóctono, así como os equipos básicos contraincendios. Naqueles lugares onde sexa posible, visitaranse viveiros nos que haxa repoboación forestal, de xeito que se poidan observar as diferentes fases do ciclo das árbores ou os tratamentos silvícolas.

A través de Forestix tamén se queren dar a coñecer distintos aspectos da industria do sector madeireiro para comprobar algunhas das transformacións que experimenta ata converterse en madeira. Para o desenvolvemento destas actividades contáse coa colaboración das organizacións Feamarga e Monte Industria.

Na presentación, a titular de Familia indicou que “este programa, enmarcado no Plan Estratéxico de Xuventude, nace coa intención de concienciar aos mozos da importancia de levar a cabo unha xestión sostible dos recursos forestais e da necesidade de previr os incendios nos montes galegos”.

Pilar Rojo insistiu en que “iniciativas como esta tentan transmitir que a consecución do desenvolvemento sostible é unha responsabilidade de todos, que nos permitirá disfrutar da calidade de vida, respetando unha natureza que temos a obriga de preservar”.


DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente salientou a importancia de iniciativas deste tipo que fomenta o respecto e a protección do contorno natural e, en especial, dos recursos forestais de Galicia. Nesta liña, lembrou o importante esforzo que a Xunta de Galicia está a realizar para integrar a variable ambiental en toda a súa política, o que se coñece como desenvolvemento sostible.

“É necesario implicar a toda a sociedade, en particular aos máis novos, para que o desenvolvemento sostible forme parte nos nosos hábitos diarios”, apuntou Xosé Manuel Barreiro, quen asegurou que só desta maneira se acadará un progreso económico e social respectuoso e equilibrado coa conservación do medio ambiente. “O novo programa supón un gran paso para fomentar unha clara conciencia forestal”, segundo indicou Barreiro.

O programa, que ten como obxectivos ofertar unha alternativa variada que permita ocupar o tempo de lecer de forma positiva e dotalo de contido formativo, desenvolverase desde o próximo día 8 durante todas as fins de semana dos meses de abril e maio nas localidades de Rábade (Lugo), Maceda (Ourense) e A Guarda (Pontevedra).

Hai un total de 20 prazas por cada un dos destinos, o que significa 60 por cada fin de semana e un total de 420. Os interesados poden inscribirse xa chamando aos teléfonos 981.545702/981.545.808/981.957057. O custo por participante é de 20,50 euros e de 18 con carné Xove ou Máis. Esta cuota cubre aloxamento, manutención, servizo de autobuses e seguro de responsabilidade civil.

Os lugares de aloxamento serán o hotel Manuel Francisco para os que elixan Rábade; o antigo colexio P.P. Paules en Baños de Molgas para os que se decanten por Maceda e a residencia El Molino para os que soliciten A Guarda.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia