Skip to main content

O proxecto Lidera ofrece unhas xornadas de coaching nos Espazos Xove para apoiar á xente nova no seu itinerario persoal e profesional

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca unhas xornadas de coaching que se desenvolverán en diferentes Espazos Xove de Galicia ao abeiro do proxecto Lidera entre os meses de setembro e novembro. A iniciativa, que leva por nome Crea o teu camiño profesional, ten como obxectivo apoiar á xente nova no seu itinerario persoal e profesional coa formación en habilidades transversais que melloren as súas oportunidades de emprego e emprendemento.

As xornadas están dirixidas a mozas e mozos galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e os 30. O prazo para anotarse xa está aberto e as persoas interesadas poderán facelo ata o día anterior da realización da actividade. A inscrición farase por vía electrónica e tanto o formulario como as datas cos horarios e lugares de celebración das sesións está dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Para a celebración de cada sesión terá que haber un mínimo de catro inscritos e un máximo de 15. A admisión será por orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das prazas en cada Espazo Xove, e as persoas solicitantes que resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico de confirmación da praza.

Os participantes recibirán apoios orientados a aumentar as súas opcións de entrar no mercado laboral, como axuda na organización e planificación de metas profesionais ou na confección dun currículo e dunha carta de presentación. Tamén analizarán a procura de emprego a través de internet para o que se valorarán aspectos como a imaxe persoal nas redes sociais e nos portais de emprego e emprendemento.

Proxecto Lidera

Estas xornadas de coaching enmárcanse no proxecto Lidera, aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020. A intención é promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento das mozas e mozos de Galicia e da rexión norte de Portugal.

O Lidera conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros financiados con fondos Feder. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten como socios neste proxecto a Fundación Galicia Europa; a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude; a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
Proxecto Lidera