Skip to main content

A Consellería de Emprego promove a celebración do I Encontro Galego de Empresa Familiar en Ourense

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará a organización do I Encontro Galego de Empresa Familiar. Así se recolle nun convenio de colaboración que asinou a conselleira Belén Prado co presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Ovidio Fernández Ojea, e co presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Jesús Alonso Escurís.

O obxectivo do encontro é analizar os problemas máis frecuentes da empresa familiar, especialmente os concernentes á sucesión interxeracional. Deste xeito, preténdese facilitarlle aos empresarios un conxunto de recomendacións prácticas para unha xestión máis eficaz das súas empresas.

O I Encontro Galego de Empresa Familiar celebrarase no Auditorio de Ourense o vindeiro 21 de abril e será clausurado polo presidente da Xunta, Manuel Fraga. Ao longo da xornada, inaugurada pola titular de Asuntos Sociais, Belén Prado, están programadas mesas redondas e relatorios, entre eles os seguintes: “Factores de éxito na sucesión. O consello mentor”, “O proceso de transición xeneracional” e “ A internacionalización como fórmula de crecemento da empresa familiar”.

APOIO Á EMPRESA FAMILIAR

Nos últimos anos, a Xunta puxo en marcha diferentes medidas para reforzar as empresas familiares incidindo, principalmente, nos eidos formativo e fiscal. Entre elas destaca a supresión do imposto de sucesión, que facilita o traspaso interxeracional das sociedades. Ademais, a Consellería de Emprego apoiou diversos cursos de posgrao de especialistas en empresa familiar, cun carácter máis técnico e intenso, organizados polas universidades.

A empresa familiar galega caracterízase por ter un tecido moi extenso e forte que permite crear estabilidade económica e laboral na sociedade, como o proba o feito de que contribúe co 65% do PIB e co 80% do emprego da Comunidade Autónoma. Sen embargo, tan só entre o 8% e o 12% deste tipo de empresas acadan a terceira xeración de empresarios dentro da mesma familia, mentres que o resto cambian de titularidade ou desaparecen.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia