Skip to main content

Os Centros galegos de Información á Muller atenderon o pasado ano a máis de 15.700 persoas

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, elaborou este plan de formación sobre asuntos que atenden todos os días os profesionais que traballan nos CIM. Nestes centros atendéronse só o ano pasado máis de 15.700 persoas e leváronse a cabo máis de 68.500 consultas.

Nesta xornada, á que se inscribiron 108 persoas, falouse e tratouse das barreiras do colectivo LGTBI e aspectos vinculados á diversidade sexual, familiar e de identidade. O vicepresidente da Xunta destacou a necesidade de traballar para loitar contra a discriminación xeral e, en concreto, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais.

Alfonso Rueda lembrou que Galicia foi a primeira comunidade que contou cunha Lei para regular os dereitos e a igualdade de oportunidades do colectivo LGTBI e pola igualdade de trato e a non discriminación. No marco do desenvolvemento desta norma leváronse a cabo importantes avances como a creación do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero; a posta en marcha en 2016 dun servizo de atención directa a persoas LGTBI nos Centros de Información á Muller; a creación da Unidade á atención á transexualidade a menores de idade no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); ademais de importantes accións no ámbito educativo. A Xunta vén colaborando nos últimos anos co colectivo LGTBI a través de distintos convenios.

A xornada contou coa intervención de distintos profesionais como o profesor de Antropoloxía Social e Psicoloxía Social da Universidade Complutense de Madrid, Ignacio Pichardo ou a directora do programa Quérote+, Noa Tilve. Tamén participaron o presidente de ALAS, Carlos Emilio Mella; a representante de Nós Mesmas, Elisabet Pérez; e o responsable do Comité Cidadá Antisida da Coruña, Cristian Garza.

No pasado mes de xuño xa se impartiron outras dúas xornadas de formación sobre violencia sexual no marco deste plan de formación dos CIM. A próxima e última xornada formativa será o 4 de outubro e abordará os novos programas na asistencia a vítimas de violencia de xénero.

A Secretaría Xeral de Igualdade convoca cada ano unha orde de axudas as entidades locais galegas para a promoción da igualdade que inclúe un programa de apoio aos CIM a través do que se subvencionan postos de traballo para prestar servizos nestes centros. Ao abeiro destas axudas, a Xunta financia este ano a creación de máis de 200 empregos nos CIM para postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Galicia foi pioneira a nivel estatal no compromiso coa igualdade entre homes e mulleres e en contra da violencia de xénero coa aprobación en 2017 dun decreto de formación para todo o persoal funcionario da Administración en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.
Xunta de Galicia