Skip to main content

A obra 'Amorodo Agre' de Fernando Castro Paredes gaña o XIX Premio de Teatro Rafael Dieste

Coa súa obra "Amorodo agre", o escritor e profesor Fernando Castro Paredes converteuse en gañador do XIX Premio Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O autor é profesor no IES Fernando Blanco de Cee, traballa no ámbito do teatro escolar e afeccionado e gañou, entre outros, o Varela Buxán e Vidal Bolaño de textos teatrais.

Un xurado composto pola actriz Mabel Rivera, a escritora Marga do Val, o profesor, investigador e especialista en Arte Dramática, Carlos Vizcaíno Fernández, a actriz e creadora escénica Marta Pérez e o autor gañador da edición anterior, Ernesto Is, escolleu por unanimidade entre as 46 presentadas a obra Amorodo agre que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Fernando Castro Paredes.

O xurado destaca a "elaborada construción dramática, concretada en varios aspectos que van desde un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese ao longo de toda a peza". O fallo do premio valora tamén a "traballada definición dos personaxes, as atmosferas e o xogo simultáneo de diálogos que fan que a acción avance con tensión dramática até o remate". Á hora de escoller a obra poñen en valor tamén a calidade da lingua empregada e o tratamento de temáticas complexas.

En anteriores edicións, o premio recaeu en Ernesto Is, Roberto Salgueiro, Xosé Pacho e Ze Paredes, Alberto Guede, Santiago Cortegoso, Teresa Moure, Gustavo Pernas Ainma Antonio, Manuel Lorenzo, Miguel Sande, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Xavier Lama, Xesús Pisón, Raúl Dans, e Xesús Pisón.

Datos do autor

Fernando Castro Paredes nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce como profesor de ensino secundario no IES Fernando Blanco de Cee. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do Grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor de A derradeira bala, gañador do I Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018, dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía); do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias na Universidade) e das pezas teatrais Pallaso (Premio Varela Buxán de Textos Teatrais) e No ventre da balea (accésit do Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle).
Deputación da Coruña