Skip to main content

O Cifex celebra as XI Xornadas de Formación e as III Xornadas Internacionais 'Educación, Xénero e Igualdade'

Este foro sirve de punto de encontro para que especialistas na materia aborden temas tan sensibles como ‘A prostitución no corazón do capitalismo’, título do relatorio da profesora da UDC, Rosa Cobo; ou ‘Prostitución feminina e violencia en Cuba’, título da intervención de Víctor Hugo Pérez Gallo, vicepresidente da Cátedra de Estudos de Xénero do Instituto Superior Mineiro Metalúrxico de Moa (Cuba). ‘Abolicionismo: unha proposta feminista’, a cargo de Zua Méndez e Teresa Lozano, tamén coñecidas como Towanda Rebels, creadoras dun vídeo no que denuncian os consumidores da prostitución, é outro dos contidos que nutren estas xornadas.

Un obradoiro sobre prostitución e violencias extremas, así como as mesas de debate ‘Prostitución e violencia sexual extrema: Perspectivas múltiples’ e ‘Lecer, prostitución e hipersexualización das mulleres e modelos alternativos de identidades de xénero’, completan o programa das xornadas que se celebran os días 3 e 4 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación. A cuestión da violencia extrema contra as mulleres é, tal e como afirman dende a organización das xornadas, “a gran secuela das sociedades actuais, nunha época onde esta violencia no canto de diminuír parece mesmo ir en aumento e o que preocupa aínda máis é a banalización de certas formas, absolutamente vinculadas a esta violencia extrema contra as mulleres que non se perciben como tales. Este é precisamente o caso da prostitución e, se cabe, especialmente a súa consideración por parte das/os mozos que a consideran unha forma máis de lecer”.

Inauguración

O acto inaugural das xornadas tivo lugar este xoves presidido pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. Na apertura, tamén tomaron parte Belén Liste, subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Xunta de Galicia; Noa Díaz Varela, concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago de Compostela; e Rita Radl Philipp, directora do Cifex. Estas sesións están financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.
Universidade de Santiago de Compostela