Skip to main content

Charla-coloquio sobre 'a dignidade do traballo e o traballo digno' na Xornada mundial polo traballo decente.

Seguramente todos nós coñecemos situacións nas que no mundo do traballo as persoas non son tratadas conforme a súa dignidade: horarios extensos que impiden o coidado de fillos e persoas maiores, soldos cos que dificilmente se pode manter unha familia, mulleres que renuncian a ter máis fillos dos que quixesen por razóns laborais...

A Organización Internacional do Traballo proclamou o 7 de outubro a Xornada Mundial polo Traballo Decente, porque é imposible vivir nunha sociedade verdadeiramente humana, xusta e democrática, se as condicións de traballo non son dignas para unha gran parte da poboación; é máis, os pobres son, en moitos casos, o resultado da violación da dignidade do traballo humano ou da ausencia del.

Por un lado o sistema capitalista actual, o neoliberalismo, conforma un modelo social que xera empobrecemento, exclusión e deshumanización; por outro trátase de convencernos de que non hai alternativa a este modelo. ¿Só nos queda resignarnos, conformarnos co “éche o que hai” e “sálvese quen poida”?¿É realista pensar nun tipo de traballo e nun tipo de economía que estea ó servizo das persoas, e non que as persoas esteamos ó servizo da economía?

A reinvindicación dun traballo decente para todos é asumida pola Igrexa. A charla de Francisco Porcar achégase á cuestión anterior dende a óptica da Doutrina Social da Igrexa.Sitúa o empeño polo traballo digno como prioridade social, unhapropostade humanismo integral que pode sintonizar con calquera persoa, crente ou non, que pense que as persoas son o primeiro e a economía debería responder ás súas necesidades, sobre todo ás dos máis desfavorecidos.

A charla é organizada pola asociación Juan Soñador, Cáritas, CONFER e a Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC), organizacións integrantes da Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente.

Francisco Porcar vive en Vall d’Uixó (Castellón). É licenciado en Historia Contemporánea, diplomado en Ciencias Relixiosas e un gran coñecedor da Doutrina Social da Igrexa. É militante da HOAC. Foi responsable da revista deste movemento, Noticias Obreras. Na actualidade é membro do Grupo de Traballo de Formación da HOAC. Aparte de escribir numerosos artigos en revistas e folletos, publicou dous libros La dignidad de la persona y el bien común e Una historia de liberación. Mirada cultural a la historia del movimiento obrero.
R.