Skip to main content

Asuntos Sociais pon en marcha o Plan Experimental de Emprego para promover a recolocación dos ex traballadores de Valeo

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asinou a resolución pola que se autoriza o financiamento para a posta en marcha do Plan Experimental de Emprego dirixido a promover a recolocación no mercado de traballo dos ex traballadores de Valeo. O dito plan, que se levará a cabo en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense, prevé o desenvolvemento coordinado de actuacións de información, orientación laboral, formación profesional e práctica laboral. O obxectivo é mellorar a cualificación profesional destes traballadores e impulsar a súa empregabilidade a través da inserción laboral por conta allea e o autoemprego.

No marco deste Plan Experimental de Emprego, que abranguerá un período máximo de 12 meses, fomentarase a ocupabilidade dos traballadores afectados polo peche de Valeo; xestionarase de forma activa o seu emprego; fomentarase, cando sexa preciso, unha formación de reciclaxe axeitada aos novos postos que vaian a desempeñar; e promoverase a participación do empresariado local na creación de emprego, facilitando traballadores formados e con experiencia laboral.

Nunha primeira fase, informarase aos beneficiarios sobre a súa situación e sobre o desenvolvemento do programa con tódalas actuacións que se prevén realizar e as características e duración prevista do plan. A segunda fase irá dirixida ao estudio e diagnose, co establecemento do plan persoal de emprego. Así, a través de entrevistas individualizadas co o orientador laboral asignado a cada beneficiario establecerase o currículo vitae de cada participante, destacando no mesmo aqueles coñecementos e habilidades máis sobresaíntes, e acordando co beneficiario as actuacións que convén realizar para acometer o proceso de busca de emprego e recolocación. Deseñarase o plan personalizado de busca de emprego, adaptado ás características de cada un, en función de aspectos como os coñecementos previos, a experiencia laboral, a capacidade para formarse en novas tarefas e funcións, e as posibilidades de mobilidade xeográfica, entre outros.

A continuación, nunha terceira fase, poranse en marcha as actuacións deseñadas no plan personalizado de busca de emprego, a través de sesións de desenvolvemento persoal (para incidir sobre os aspectos persoais que poidan dificultar a posta en marcha dun proxecto persoal de inserción laboral); información do mercado laboral; contacto con empresas e estudio dos posibles postos de traballo a crear; formación profesional (encamiñada a completar a formación ou facer reciclaxe en base aos postos que se prevexan cubrir); formación profesional e fomento do autoemprego; e prácticas laborais (establecendo convenios coas empresas analizadas para que, de ser preciso, a formación específica se complemente con prácticas nas propias empresas, antes da contratación efectiva dos traballadores por parte das mesmas).

Por último, a cuarta fase está dirixida á integración no mercado laboral, tanto como traballadores por conta allea como por conta propia. No primeiro dos casos, neste fase producirase culminarase o proceso coa contratación efectiva por parte da empresa que vai crear un posto de traballo, unha vez realizadas tódalas actuacións de reciclaxe e adaptación sinaladas na fase anterior. No caso de optar pola inserción por conta propia, técnicos especializados na área de autoemprego, analizarán co beneficiario a idea empresarial existente, realizando a posteriori a elaboración dun proxecto de empresa e acompañando ao traballador en todo o proceso de posta en marcha: elección da forma xurídica máis conveniente, trámites necesarios para a posta en marcha do negocio e asesoramento na tramitación de subvencións e axudas públicas.

Gabinete da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia