Skip to main content

Asuntos Sociais e a Universidade da Coruña colaboran na realización de actividades no eido da Atención Primaria

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Universidade da Coruña colaborarán na realización de actividades do ámbito dos servizos sociais e a atención primaria. Así se recolle nun convenio asinado entre a titular do departamento autonómico, Belén Prado, e o rector da Universidade herculina, José María Barja.

En virtude do acordo, Asuntos Sociais achegará un total de 42.000 euros á Universidade da Coruña para o desenvolvemento de catro actividades distintas. Así, poranse en marcha dous cursos de postgrao Master e Experto para formar e especializar aos profesionais dos servizos sociais e realizarase un curso específico para os traballadores de axuda no fogar de 60 horas lectivas. O convenio recolle tamén o compromiso de elaborar unha guía de boas prácticas dirixida aos coidadores habituais de persoas con falta de autonomía que residan no seu domicilio. Ademais, desenvolverase un taller de memoria para favorecer o benestar social das persoas no propio contorno co fin de atrasar a súa institucionalización.

APOIO

A Universidade da Coruña conta cun grupo de investigación adscrito á Facultade de Ciencias da Saúde que se ocupa das tarefas de docencia e investigación que contribúen a apoiar o labor das entidades prestadoras de servizos sociais.

Ámbalas dúas institucións consideran preciso colaborar na realización de todo tipo de accións docentes, investigadoras e de apoio aos servicios comunitarios que permitan profundizar no coñecemento, tratamento e atención daqueles grupos sociais que teñen algún tipo de carencia ou necesidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia