Skip to main content

Galicia será a primeira comunidade en desenvolver a carreira profesional dos médicos trala aprobación da lei estatal

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, presidíu o acto de sinatura do acordo establecido por unanimidade entre o Servizo Galego de Saúde e a totalidade de centrais sindicais (CIG, CEMS-SATSE, CCOO, CSI-CSIF, UGT e SAE) con representación na mesa sectorial sobre a carreira profesional, unha vez ultimada a negociación sobre o texto do Proxecto de Decreto sobre o Réxime Extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Sergas. O proxecto de carreira profesional afecta a máis de 5.000 profesionais sanitarios.

Co desenvolvemento deste proxecto o Sergas convertirase no primeiro servizo de saúde a nivel estatal en poñer en marcha unha regulación de acceso á carreira profesional no marco da Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOPS), dentro dun réxime extraordinario que será voluntario, persoal, definitivo e homologable, adiantándose ao establecemento por parte do Ministerio de Sanidade e Consumo das bases que rexerán á carreira profesional a nivel nacional. Neste senso, José Manuel González incidiu na necesidade de que o Ministerio acelere a aprobación destes criterios básicos para que poidan ser homologables ao resto dos sietemas.

Para a elaboración deste documento de consenso, a División de Recursos Humanos constituíu un grupo de traballo no seo da Mesa Sectorial que contou coa participación dos representantes sindicais e profesionais do Sergas, e que se somete á audiencia das organizacións colexiais dos ámbitos profesionais incluidos no mesmo.

Entre as principais vantaxes do texto asinado hoxe destaca que o desenvolvemento profesional incidirá directa e positivamente na mellora do servizo público e da atención ó cidadán, xa que para o acceso ó recoñecemento profesional teranse en conta os principios de mérito e competencia profesional, avaliando a experiencia, competencia e contribución do profesional aos obxectivos da organización e outros aspectos que redundan na mellora das competencias e aptitudes, como a participación en actividades docentes ou investigadoras. Para elo, e co obxectivo de garantir a transparencia no sistema de recoñecemento, constituirase unha Comisión Técnica de Avaliación coa participación paritaria da administración e das organizacións sindicais.

Parello ó obxectivo de fomentar a mellora da calidade asistencial do servizo sanitario prestado ó cidadán, o texto asinado hoxe, co acordo unanime de administración e sindicatos, permitirá situar ós médicos galegos entre os mellor retribuídos por este concepto a nivel estatal, nos que tamén se destacan os servizos de saúde catalán e navarro.

As forzas sindicais presentes hoxe amosáronse satisfeitas por esta sinatura que supón un importante incentivo para a captación de profesionais na administración sanitaria galega; e coa que, como dixo José Manuel González,”Galicia marcará o camiño para otras comunidades autónomas”.

A regulación deste réxime transitorio extraordinario permitirá que os médicos galegos poidan ver recoñecido o seu traballo e servizos prestados ó Sergas en forma de catro niveis progresivos, cunha retribución específica independente e diferenciada doutros complementos salariais, como o de productividade variable, sen prexuízo do futuro desenvolvemento normativo estatal.

A labor do Sergas en prol do desenvolvemento normativo cara o recoñecemento profesional non rematará neste decreto para as categorías de licenciados sanitarios, xa que o Sergas está traballando na regulación do réxime transitorio da carreira profesional do persoal sanitario non facultativo, asi como no sistema de desenvolvemento profesional para o resto do persoal do Servizo Galego de Saúde, cuxas liñas básicas xa se avanzaron no seo da Mesa Sectorial o pasado día 29 de marzo.

ACCESO EN XULLO DESTE MESMO ANO

Outra das vantaxes do Decreto de Carreira Profesional da Administración sanitaria galega será a súa pronta aplicación, xa que o novo ordenamento permitirá o acceso á carreira profesional en xullo deste mesmo ano, para os médicos e licenciados sanitarios con praza fixa, adiantándose tamén neste aspecto á maioría de servizos de saúde estatais.

Así, segundo o cronograma previsto, en xullo deste mesmo ano os facultativos e licenciados sanitarios con praza estatutaria fixa poderán acceder ao I Nivel da Carreira Profesional, e, conseguintemente, beneficiarse dun incremento salarial de en 3.000 €/ano. Posteriormente, en xaneiro de 2006, está previsto o acceso a este mesmo nivel dos propietarios dunha praza fixa no Sergas como médicos de Cota (especialistas e médicos de cabeceira non xerarquizados) e médicos titulares de APD ou de Zona (médicos de atención primaria do antigo modelo) que voluntariamente desexen integrarse no actual modelo sanitario, co mantemento do seu réxime xurídico e retributivo no caso dos médicos de Cota e Zona de Atención Primaria.

Para o resto de profesionais médicos e licenciados sanitarios, os que accederán á titularidade dunha praza estatutaria fixa por medio do proceso extraordinario de consolidación de emprego, ou OPE extraordinaria, o prazo de acceso á carreira profesional proposto polo Sergas, dentro do réxime extraordinario, será xullo de 2006. Esta marxe de tempo permitirá a tramitación administrativa necesaria, tendo en conta que o término do proceso de consolidación está previsto para neste mesmo ano.

O actual texto tamén prevé a incorporación ao resto de niveis ou graos definidos pola LOPS, establecendo xullo de 2009 como horizonte para o acceso ao IV Nivel, ou nivel máximo, para os propietarios de praza fixa a través do proceso de consolidación actualmente en marcha, xaneiro de 2009 para os de cota ou zona, e xullo de 2008 para os actuais propietarios.

ATA 12.000 EUROS/ANO EN CATRO NIVEIS

O Decreto de desenvolvemento excepcional da carreira profesional que se está a ultimar na nosa Comunidade Autónoma recolle os principios xerais de desenvolvemento profesional, contidos tanto na Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOSP) como no Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde, no senso de garantir o seu dereito á promoción profesional valorando os seus coñecementos, experiencia e cumprimento dos obxectivos da organización na que prestan os seus servizos conxuntamente coa mellor xestión das institucións sanitarias.

Así, para o recoñecemento e obtención destes niveis, o Sergas propón como requisitos de acceso e ascenso: A posesión dunha praza en propiedade no Sergas por un período de tempo determinado, no que se computarán os servizos prestados con anterioridade á obtención da mesma; o cumprimento do 70% dos obxectivos asistenciais pactados nos centros de traballo nos cinco anos anteriores, ou nun 75% de promedio en dito tempo; a integración funcional nos equipos de atención primaria do persoal de Cota e Zona, co mantemento do seu réxime xuridico- retributivo; e a xerarquización do persoal especialista de Cota. Deste xeito, o Sergas vincula a promoción no eido da carreira profesional á mellora da asistencia ao usuario galego.

En canto aos requisitos de tempo de prestación de servizos para a obtención dos distintos niveis progresivos, a proposta do Sergas concrétase, para todos os profesionais facultativos e licenciados sanitarios, en 5 anos para acceder ao primeiro nivel, 12 para o segundo, 18 para o terceiro, e 23 para o cuarto.

As vantaxes da obtención destes niveis de carreira profesional, na fase transitoria, serán a constancia no currículo; o acceso ao grao superior; a retribución cun complemento de carreira correspondente a cada grao; e a homologación co resto de servizos de saúde do Estado nos termos que defina nun futuro o Ministerio de Sanidade e Consumo.

O Complemento de Carreira está destinado a retribuir o grao recoñecido, como complemento salarial de carácter fixo. As contías anuais a percibir estabrécense a razón de 3.000 € por ano e nivel recoñecido, repartidos en 12 mensualidades. Así, o valor acumulado do grao I fíxase en 3.000 €; 6.000 no grao II; 9.000€ no grao III e 12.000€ no grao IV.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia