Skip to main content

O Plan de atención primaria de Sergas posibilitará o incremento de máis de 300 profesionais nos centros de saúde

En concreto, no período de vixencia do Plan, anos 2019-2021, o Sergas aumentará en 80 o número de médicos de familia dos centros de saúde e en 20 o número de pediatras. Tamén se incrementará en 130 o persoal de enfermería deste nivel asistencial, en 40 os fisioterapeutas, en 20 as matronas, en 14 os traballadores sociais e en 4 os farmacéuticos.

Con este incremento de profesionais para os centros de saúde, o departamento sanitario galego reforza con novas cotas de familia aqueles dispositivos cunha elevada carga asistencial, en concreto con 80 médicos; e auméntanse as prazas de enfermería, 130, nos dispositivos de atención primaria con menor ratio deste persoal.

O Servizo Galego de Saúde tamén potencia a presenza doutras categorías profesionais como son os as matronas, os fisioterapeutas, os farmacéuticos ou os traballadores sociais.

Máis medidas a prol da primaria

Este incremento de persoal para os centros de saúde reflicte o compromiso da Xunta de Galicia co sistema sanitario en xeral e e coa atención primaria en particular. En concreto, no 2019 estas prazas xa están dotadas orzamentariamente, iniciándose a cobertura das mesmas con carácter estable mediante a formalización dos correspondentes nomeamentos interinos así como as vinculacións de nomeamentos de continuidade.

Ademais, Galicia realiza este ano a maior oferta do seu rexistro histórico para a formación de especialistas. Así, as especialidades de atención primaria como médico de familia, con 129 prazas; pediatría, con 27; ou enfermería familiar e comunitaria e pediatría, con 49, increméntanse significativamente por riba do aumento global nacional.

Asemade, o Sergas segue a xerar un marco profesional estable, aumentando as prazas nas categorías específicas de atención primaria nun total de 537 para este nivel asistencial, na Oferta de Emprego Público 2019. Destas, un total de 254 prazas son de medicina familiar e comunitaria. Está previsto que os exercicios da fase de oposición se desenvolvan durante o primeiro trimestre do próximo ano
Servizo Galego de Saúde